Scouts – Día do Fundador

 

O 22 de febreiro, pero de 1857, naceu en Reino Unido Baden Powell, fundador do Movemento Scout. Hoxe, 164 anos máis tarde, hai 54 millóns de scouts no mundo.

A día de hoxe, aparentemente pouco se parece a vida scout ao que era nos seus inicios, pois vai mudando como parte da sociedade que é, adaptándose aos novos tempos e tratando sempre de ser motor de cambio, contribuír ao progreso. Malia todo, o esencial permanece, e o movemento scout é un movemento xuvenil de educación non formal e en contacto coa natureza, baseado en valores como a solidariedade, o respecto e coidado da natureza, o apoderamento infantil e xuvenil ou a loita contra a discriminación. Voluntarias e voluntarios de todo o mundo levan a cabo actividades con nenas, nenos, mozos e mozas coa finalidade de formar a unha mocidade activa e comprometida coa súa contorna e a sociedade para que poidan construír un mundo mellor.

Nestes momentos tan atípicos que nos está a tocar vivir, onde a meirande parte do noso tempo temos que estar no interior dos nosos domicilios e compartilo unicamente cos nosos convivintes, nós queremos poñer en valor o ocio e tempo libre no entorno natural.

Levamos case un ano enteiro coas nosas vidas condicionadas por unha pandemia, e sabemos que o responsábel e o que hai que facer é limitar os nosos movementos e saídas o máximo posible polo ben común, pero tamén sabemos que todas e todos botamos de menos moitos elementos da nosa realidade anterior á pandemia. Ao longo dos dous meses que durou o confinamento domiciliario que vivimos o ano pasado, todo o noso ocio pasou a ter lugar dentro das nosas vivendas. Videochamadas, xogos de mesa, libros, repostería… distintas actividades que non conseguían suplir a carencia principal: as actividades de ocio ao aire libre con máis persoas.

Tras once meses de múltiples e variadas restricións, onde o ámbito máis afectado en todo momento foi sempre o do ocio e tempo libre, nós queremos aproveitar este día para reivindicalo. Entendemos que as medidas son necesarias e por iso non só cumprimos con elas en todo momento, senón que nalgúns casos os nosos protocolos foron máis aló das restricións que nos tocaban. Coma sempre, queremos ser motor dun cambio a mellor e o que agora toca é coidar da saúde máis que nunca. Pero tamén sabemos que coidar da saúde implica poder compartir momentos coas amizades e cos achegados, camiñar ao aire libre, xogar nos parques e subir ao monte. Que as nenas e nenos aprendan a compartir, a traballar en equipo, a respectarse e a quererse. Que na adolescencia haxa espazos con iguais nos que poder expresarse, alternativas de ocio ás redes sociais e aos botellóns, espazos seguros para medrar como persoas. Coidar da saúde implica coidar do planeta.

Porque agora que a saúde está no centro, nós queremos que, cando saiamos desta, aprendamos do que vivimos nestes tempos e valoremos máis a importancia de coidar os espazos de ocio, especialmente do ocio educativo e ao aire libre, no que nós levamos traballando moitos anos e botamos moito de menos agora.

 

 



Deixe un comentario