Actividade de Servizo das Unidades Escultas no Concello de Neda

Os días 22 e 23 de febreiro, as Unidades Esculta (14-17 anos) dos Grupos Scouts San Jorge 33 (A Coruña), Chan 292 (Santiago de Compostela) e Vasco da Ponte 636 (Ferrol) iniciaron as actividades de servizo scout do ano 2014. O lugar elixido nesta ocasión foi o Concello de Neda, a quen agradecemos a súa hospitalidade e axuda á hora de organizar as actividades.

2014 UE asdega neda 001

O sábado principiou cunha mesa redonda no centro cívico, na que participaron os escultas e os maiores que pasan a cotío por estas instalacións. Deste xeito, compartindo as súas experiencias, uns expuxeron a historia de Neda, as súas vivencias e lembranzas e os outros achegaron os valores do escultismo a unhas persoas ás que a palabra “scout” lles soaba estraña

2014 UE asdega neda 002

Pola tarde iniciouse o servizo ambiental coa recuperación do roteiro circular de Neda. Os escultas repartíronse en tres grupos acometendo a sinalización e limpeza dos sendeiros. A noitiña, e despois de realizar un concurso de filloas, chegou o merecido descanso, tras unha longa xornada de traballo.

2014 UE asdega neda 003

Xa no domingo, e tras un rápido almorzo convidados polo Concello, púxose mans a obra para poder finalizar as tareas de desbroze e acondicionamento do roteiro nedense.

2014 UE asdega neda 004

Dende ASDE – Scouts de Galicia vos trasladamos os nosos parabens polo entusiasmo e gran traballo. Cedo, Castores (6-8 anos), Lobatos (8-11 anos), Scouts (11-14 anos) e Rovers (18-20 anos) sumaránse coa súa pegada scout a construír un mundo mellor.

 

 



Deixe un comentario