Ludoteca do Grupo Scout Hércules 283

ludotecas-transp

O Grupo Scout Hércules 283 da Coruña está a desenvolver, dende o pasado sábado 23 de marzo, un proxecto que converte o seu local scout nunha ludoteca aberta ao nenos e nenas da cidade da Coruña, todas as mañás dos sábados entre as 11.00 e as 14.00 h. Este proxecto ten como obxectivo crear un espazo lúdico de convivencia que permita favorecer a integración de nenos e nenas con menos oportunidades e tamén da a coñecer a outras familias o Escultimo, favorecendo a posible entrada no mundo scout de novos rapaces e rapazas. A ludoteca abrirá, con caracter xeral, todos os sábados ata o 22 de xuño e é un servizo totalmente gratuito.

Este proxecto conta co apoio do programa LUDOTECAS impulsado por ASDE – Scouts de España, sendo un dos 36 proxectos destas características que se puxeron en marcha ao longo de toda España coa colaboración do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, a través da convocatoria de programas de Outros Fins de Interese Social. Localmente tamén contamos co importante apoio da ONG Equus Zebra, coa que xa temos cooperado noutros proxectos, e que está a difundir e animando á participación na nosa ludoteca aos rapaces e rapazas do seu proxecto Agra Integra.

Na ludoteca están a participar perto de 15 persoas, principalmente rapaces e rapazas entre os 6 e os 14 anos, que son as idades ás que vai dirixido o proxecto. Ao longo das 3 horas de duración do horario de apertura os cativos e cativas, organizados por grupos de idade e sempre acompañados por monitores e monitoras, estarán facendo todo tipo de xogos en función dos seus propios gustos e intereses e aproveitando os numerosos recursos de animación e ocio cos que conta o grupo no seu local da Sagrada Familia (rúa Nuestra Señora de la Luz, 14 – baixo).

Podedes atopar máis información e os formularios de inscrición na páxina web do Grupo Scout Hércules 283: http://gs283.scout.es/2013/03/ludoteca-para-as-manas-dos-sabados/

002-red-luci1



Deixe un comentario