O mosteiro de Lourenzá acolleu a acampada do Grupo Scout Semente

Durante tres días na pasada Semana Santa, o Grupo Scout Semente enchíu de escultimo a pequena pero preciosa vila de Vilanova de Lourenzá, e concretamente o seu mosteiro. Foron tres días nos que todo o Grupo aproveitou a afortunada contorna natural da vila  para pór en práctica todo os conceptos e xogos aprendidos durante o trimestre, onde gozamos de marabillosas actividades, talleres, ambientacións…e sobre todo dunha auténtica e estupenda convivencia de toda a nosa familia scout, aprendendo novas cousas e compartindo e axudándonos entre uns e outros.

Un claro exemplo, a enorme unidade e amizade acrecentada entre castores e lobatos en parte grazas aos numerosos xogos, talleres e unha amena e graciosa velada na segunda noite. Todos, desde os máis pequenos da Colonia até os maiores do Clan, gozamos de tres días de auténtica convivencia e espírito scout, nos que o tempo nos respecto e as xentes de Lourenzá abríronnos os seus brazos amablemente.

Os castores por unha banda, aproveitaron o marco incomparable do mosteiro que moi amablemente nos cederon, para ambientarse en plena Idade Media nuns auténticos campesiños que mediante probas e enigmas axudaron a liberar das cadeas do malvado Yafar, ao amolado Homodor. Os lobatos pasaron un primeiro día coñecendo o lugar e divertíndose con moitos xogos como así deixaban mostras por cada recuncho do mosteiro, para empezar o segundo día, unha actividade de sucesivas probas ambientados en antigas tribus indias, e retos ofrecidos polos antigos Deuses que superaron alegremente.

Os troperos, mellor que ninguén, aproveitaron o espectacular lugar para pór en práctica todo os seus coñecementos adquiridos e facer piña por patrullas, aprendendo a traballar en equipo e respectarse uns a outros, fortalecendo así o espírito de Patrullas e a empatía entre todos.

Mentres os maiores, os róvers, aínda que só pasaron a noite unha noite, si é verdade que aproveitaron cada segundo ao máximo en Lourenzá. Centraron a súa acampada na posta en escena das súas propias actividades programadas e preparadas, e que sen dúbida, todos encomiaron en grupo.

Acampada do Semente 597

Entre todos, sen dúbida, contribuímos a converter este tres días de acampada, nunha única e espectacular aventura do Grupo, que certamente nos prepara con enormes ganas e as pilas moi cargadas a preparar e gozar dun campamento de verán que aínda que afastado no tempo, penétrase cada vez máis nos nosos pensamentos. Un primeiro paso, é continuar con ganas, facendo e aprendendo novas e repetidas cousas, durante este terceiro trimestre. Certo é que antes do campamento nos espera unha Marcha de Pais, algunha que outra saída, a Pegada do Centenario, … e moitas outras actividades que sen dúbida servirán como un inmellorable prólogo ao gran libro do verán: o campamento.

Finalmente non podiamos despedir esta crónica sen lembrala como a primeira acampada do Grupo Scout Semente seguida, se cadra minuto a minuto non, pero si, actividade a actividade, grazas a Twitter e desta forma que todos os membros do Grupo, ben en Lourenzá ou ben desde casa, vivísemos e gozásemos da acampada coma se todos estivésemos presentes. Grazas tamén a vós, por responder activamente a esta iniciativa. Sen dúbida, anima a repetir.

Unha doce acampada que se merendou en Lourenzá, no seu mosteiro, os días 2, 3 e 4 de Abril, especialmente o segundo día cos espectaculares talleres de tortas de chocolate de castores e troperos que todos desgustamos tan ricamente no Gran Comedor. Como nos puxemos, e que ben o pasamos!



Deixe un comentario