A federación ASDE – Scouts de Galicia, como protectora do medio ambiente, contactou co Parque Natural de Fragas do Eume para ofrecer a súa colaboración na recuperación do entorno, tras o grave incendio ocorrido hai pouco máis de dúas semanas.
O Presidente Scout Xeral, Javier Castro, mantivo unha conversación co director do Parque, Luis Costa, para poñerse a súa disposición á hora de deseñar un proxecto de voluntariado que poda dar respostas ás necesidades do espazo e se adapta ás posibilidades de ASDE – Scouts de Galicia.
Sen embargo, o director explicou que nos primeiros meses resulta totamente inviable calquera tipo de intervención deste tipo. A principal preocupación nesta fase consiste en reducir a erosión ao máximo, proceso que se agravaría coa acción humana no lugar.
Por iso, ASDE – Scouts de Galicia e a dirección do Parque emprazáronse para volver a falar nuns meses co obxecto de que os scouts podan participar de forma directa na recuperación deste entorno natural único.
ASDE – Scouts de Galicia aposta por accións de voluntariado e servizo para transformar a realidade, e quere estar presente especialmente nas catástrofes ambientais que acontezan na comunidade. Xa en 2002, scouts dos Grupos colaboraron na limpeza de praias tras o desastre do Prestige.
Os scouts da federación viviron con mágoa e rabia o avance do lume nas Fragas do Eume, un lugar que acolle case cada ano actividades da entidade. ASDE – Scouts de Galicia seguirá a súa liña educativa e de servizo para levar a cabo programas que conciencien sobre a importancia de cuidar o monte para evitar incendios coma este.
(Foto vía Turgalicia)