Marcha ciclista scout en Coruña, Santiago e Ferrol

Scouts preparadas para arrincar coas bicis

Unha marcha ciclista de scouts percorreu o sábado 28 de maio as cidades da Coruña, Santiago e Ferrol como iniciativa para promover o uso deste medio de transporte ecolóxico dados os seus beneficios para o medio ambiente. Na actividade, que estivo patrocinada polo Ministerio de Medio Ambiente e na que colaborou Intersport Gudi, máis de 150 scouts luciron camisetas vermellas nas que lucía a lema da iniciativa: “Cando te movas, usa as dúas rodas!”.

Nos seus percorridos, os scouts exerceron de axentes sensibilizadores e entregaron aos viandantes e turistas un díptico informativo sobre as consecuencias da contaminación atmosférica e aconsellaron sobre medidas cotiás a tomar.

Na Coruña, a marcha comezou no castelo de San Antón e discorreu polo carril bici do paseo marítimo até a igrexa das Escravas. Na Torre de Hércules, procedeuse á entrega de información aos viandantes.

En Ferrol, a marcha iniciouse no Baluarte de San Juan e discorreu pola estrada de Entrada ao Porto, Insua, Poeta Pérez Parallé, Alegre, Avenida de Compostela, Rúa Pontevedra e Avenida de Esteiro para chegar á Praza de Armas onde os pequenos acometeron o seu labor de sensibilización.

En Santiago, a marcha realizouse polas sendas do Monte Pedroso. Na Granxa do Xesto, a actividade comezou cun taller de seguridade viaria. Despois, pequenos e maiores realizaron rutas diferentes con distintos graos de dificultade. Finalmente, tamén na Granxa do Xesto, tivo lugar un taller de reparación de bicicletas.

As bicis preparadas

A idea da marcha ciclista naceu hai meses, ante a problemática do emprego excesivo do coche que causaba altos niveis de contaminación atmosférica nalgunhas cidades. Ante esta inquietante realidade, a asociación ASDE – Scouts de Galicia programou unha marcha ciclista simultánea nas cidades da Coruña, Santiago e Ferrol para concienciar á cidadanía dos problemas do chamado “esmog”, á vez que pretende promocionar o uso do transporte ecolóxico como forma para combater o cambio climático.

Podes ver as fotos da actividade na sección de fotos da web