Crónica III Encontro Scout Galego

“Pero se temos exame a semana que vén” dicíanme todas as miñas amigas e amigos de clase cando lles dicía que marchaba de acampada. “É o Encontro de Scouts de Galicia, imos  de todos os grupos para pasar a fin de semana” dicíalles eu perante as súas caras de preocupación e confusión.

Moita xente non entende por que os scouts facemos un oco nas nosas axendas, ateigadas de tarefas para a universidade, compromisos familiares, deberes para o colexio ou obrigas do traballo, para podermos ir pasar a fin de semana de acampada. Ás veces nin nós mesmas o entendemos, pero o certo é que seguimos a facer. E os días 21 e 22 de abril non podía ser menos.

P1110439 WhatsApp Image 2018-04-23 at 18.47.05

Erguinme cedo, almorcei, ducheime, vestinme e, coa pañola ao pescozo e a cabeza pensando nas cousas me esquecera de meter na mochila, fun ata onde nos collía o autobús en Ferrol aos grupos 19 e Vasco da Ponte. Alí, nese autobús, xa comezou para nós o III Encontro de Scouts de Galicia. Atopámonos con amigas e amigos que, a pesaren de vivir na mesma cidade ca nós, só vemos nestas ocasións. Falamos e puxémonos ao día sobre as nosas vidas mentres scouters de ambos grupos trataban de aclarar as dúbidas que tiñan sobre as regras do xogo, xa que durante eses días iamos estar formando parte dun xogo, ambientado na época medieval, para celebrar que o luns ía ser o día de San Xurxo, o noso patrón.

Dende que chegamos a Guitiriz, onde tiña lugar o evento, xa comezou a euforia. Primeiro deixamos as mochilas e o material na zona onde durmiamos e logo voltamos ao autobús para, nuns minutos, chegar á zona onde xa estaban moitos dos grupos de ASDE -Scouts de Galicia. Música, decorado, vestimenta… Todo facía que entrases de cabeza ao medioevo.

DSC_7275

Dividíusenos en catro grupos: Francos, Xermanos, Ingleses e Lombardos. A este último pertencía eu, polo que case nada máis chegar xa estaba poñéndome as miñas vestiduras e pintándome a cara da nosa cor, verde. A partires de aí, eu xa non era Cecilia, rover do Vasco da Ponte, senón que era unha lombarda máis tratando de conseguir a vitoria con todas as miñas novas compañeiras e compañeiros. Compañeiras e compañeiros que ían dende a etapa de castores á de scouters, de distintos grupos de Galicia e con distintas personalidades ou inquedanzas, pero que no transcurso da fin de semana comportámonos coma se fósemos dunha mesma familia.

Buscamos unha base para o noso líder, “batallamos” contra outros escuadróns, camiñamos moito polo bosque e, sobre todo, traballamos en conxunto. Cada persoa ofrecía a súa man para axudar a cruzar unha zona enchoupada, ofrecía as súas costas para levar a mochila dalgunha castora á que se lle facía algo duro ou ofrecía parte da súa merenda a algún esculta con máis gañas de chocolate. A solidariedade e o compañeirismo impregnaron o transcurso da actividade e crearon un ambiente distendido.

WhatsApp Image 2018-04-23 at 19.14.33P1110500

Cando chegou a noite, dividímonos en ramas para realizar as respectivas veladas. Os clans participamos nun xogo de rol, no que nos volcamos na interpretación das nosas personaxes. Tamén ambientado na lenda de San Xurxo. A Familia Real e distintos sectores da sociedade tratamos de acadar os nosos intereses nun xogo que a todas e todos se nos fixo curto. As nosas dotes interpretativas quedaron patentes, aínda que moitas veces era imposíbel non rir coas situación que estabamos a xerar. Foi un momento de reencontro coas amizades dos outros grupos pero tamén de coñecer a outras e outros rovers cos que non coincidíramos noutras ocasións. Foi, sen dúbida, unha moi boa forma de rematar o día.

O domingo voltamos á carga co xogo, cos mesmos grupos do día anterior. Estivemos toda a mañá recorrendo a zona de xogo, co mesmo bo ambiente do día anterior pero con máis confianza entre nós. Baixo un sol que non daba tregua, buscamos bases inimigas, evitamos no posíbel enfrontamentos con outros batallóns e seguimos sumerxidos nos nosos papeis.

Cara ás tres da tarde, estabamos comendo algo tristes porque chegaba o final. Aínda que a idea inicial era comer por grupos, nin eu nin o resto de rovers quixemos perder a oportunidade de pasar eses últimos momentos xuntos, polo que exprimimos ata os últimos segundos antes de que chegase definitivamente o momento de despedirse. Coas mans collidas e as pernas entrelazadas, cantamos o “Adiós Scout”, nun círculo moi grande, no que estabamos todas as persoas que desfrutamos dunha fin de semana en común e na natureza. Se nos fixo curto xa que entre as risas, as amizades, o aire libre e as gañas de desfrutar, unha fin de semana se nos fai sempre curta.

O luns, xa día de San Xurxo, aínda cansa polo Encontro pero con moi bo sabor de boca, eu tiña moi claro por que na miña axenda sempre hai un oco para o escultimo.

 

Por Cecilia Ramil, Rover do Grupo Scout Vasco da Ponte 636

DSC_0136



Deixe un comentario