Os pasados días 21 e 22 de abril xuntámonos todos os grupos scouts de Galicia nun evento inédito para celebrar o III Encontro Scout Galego: a verdadeira festa do Escultismo en Galicia. Este ano, organizada polo Grupo Scout Semente 597 de A Coruña desprazámonos a Guitiriz (Lugo) para vivir dous días de espléndida convivencia e espírito scout coa recreación da fazaña de San Xurxo, patrón dos scouts pola proximidade da efeméride: 23 de abril.
Unha fazaña que como conta a lenda senta as bases da acción servizo como parte inherente do Movemento Scout.
Con semanas e semanas de traballo e esforzos ás costas, o Semente 597 sorprendeunos gratamente a todos cunhas das súas actividades estelares dos seus campamentos. Nesta ocasión, ambientada nos tempos de San Xurxo.
Deste xeito, os scouts de todas as idades foron desembarcando nas terras de Constanza en plena Idade Media distribuíndose nos seus diferentes pobos (francos, lombardos, ingleses e xermanos) para recrear na honra de San Xurxo os grandes xogos medievais ao amparo da sinatura do Tratado de paz de Constanza. Con isto comezou a dispersión polos montes lucenses que deu lugar aos xogos, ao Gran Xogo. Un Gran Xogo que duraría durante dous días no que reinou a deportividade, a competitividade sa e a diversión baixo o paraugas dun espírito scout con diferentes cores pero só un pano, o pano da irmandade nun ambiente máis que excepcional en contacto directo coa natureza.
A fin de semana completouse con moitos outros momentos de reencontros ou creación de novos lazos de amizades durante as comidas ou as diferentes veladas por seccións educativas dentro do gran castelo de Parga que garantiu, grazas ao respestable tempo que nos acompañou toda a fin de semana, unha pernoita no hotel as cen mil estrelas. Amizades que van máis aló de panos e federacións agradecendo a visita dos nosos irmáns de MSC ao noso evento estrela da rolda solar. Un evento que reuniu a unhas 350 persoas vidas de A Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago ou Ourense nesta terceira edición dun Encontro Scout que comeza a consolidarse nas nosas realidades.
Podedes desfrutar das mellores instantáneas deste III Encontro Scout Galego no noso Facebook.