O Grupo Scout Hércules 283 fará actividades de animación na Festa do Libro da Coruña

festa do libro

O Grupo Scout Hércules 283 montará durante toda a xornada deste sábado 20 de abril unha carpa nos xardíns de Méndez Núñez na que desenvolverá diferentes actividades dirixidas a rapaces e rapazas para distintos grupos de idade. Deste xeito quere subliñar a faceta educativa do tempo lecer na que se basea o escultismo. Neste caso para esta acción estableceuse unha estreita colaboración coa Asociación de Libreiros da Coruña e o Concello da cidade, de xeito que forma parte do programa oficial de actividades da urbe para a celebración do Día do Libro, que será propiamente o día 23.

A finalidade destas actividades. que se desenvolverán entre as 11.00 e as 20.00 horas, será a de animar á participación dos mais novos na Festa do Libro, contribuíndo a fomentar o gusto pola lectura na infancia e mocidade pero tamén para favorecer espazos de participación igualitaria no ocio de nenos e nenas, á marxe dos tópicos de xogos de nenos e xogos de nenas. Esta acción está incluida dentro do programa Jugado juntos/as que impulsa ASDE – Scouts de España coa axuda dos fondos do Instituto de la Mujer del Ministerio de Sanidad Servicios Sociales e Igualdad e do Fondo Social Europeo e na que está a participar este grupo scout coruñés.

Para máis información sobre o programa de actividades e información complentaria podes visitar a nova da páxina web do Grupo Scout Hércules 283.



Deixe un comentario