¡Pasámolo en grande no Iahoo!

En grande.

Así é como o pasaron os máis de vinte nenos e nenas das Manadas dos Grupos Scouts Ferrol 19 (Ferrol), San Jorge 33 (A Coruña) e Chan 292 (Santiago de Compostela) que participaron no IAHOO 2013. Esta acampada conxunta intergrupal, que ven sendo deseñada e programada polos nosos educadores e educadoras voluntarios dende un par de meses atrás, tivo lugar en Vimianzo, antesala da Costa da Morte.

Os lobatos (que é así como chamamos aos nenos e nenas de 8 a 11 anos) puideron desfrutar de tres xornadas de xogos e convivencia con rapaces doutros Grupos, doutros lugares de Galicia. Sempre cun sorriso e con gañas de facer cousas e pasalo ben, a pesar dunha meteoroloxía que resultou moi adversa, os lobatos, como se soe dicir, souberon “sorrir e cantar ante as dificultades“.

Deste xeito estiveron traballando sobre temas como o no coñecemento dos Dereitos da Infancia, o fomento da autonomía persoal e a adquisición de hábitos de consumo responsable entre outros obxectivos; sempre mediante o xogo, obradoiros e actividades dinámicas e divertidas.

Pero non só todo iso, senón que tamén aproveitaron a estadía na vila de Vimianzo para facer un pequeno xogo de pistas e tamén unha visita ao Castelo de Vimianzo (que data do s.XII) e o seu centro de interpretación.

En definitiva, este Iahoo 2013 resultou unha experiencia inesquecible para todos e todas os que o puideron desfrutar.

¡Bravo polas Manadas!



Deixe un comentario