O Clan Rover (17 – 21 anos) do Grupo Scout Vasco da Ponte 636 de Ferrol, realizou unha ruta nos Picos de Europa (Principado de Asturias) entre os días 6 e 9 de decembro, nas súas propias palabras:
O día 7 visitamos o centro de información do Parque Nacional “Casa Dago” en Cangas de Onís para, a continuación, desprazarmos ata os Lagos de Covadonga. Unha vez alí, realizamos un roteiro acompañados permanentemente pola neve, a néboa e a chuvia. Apenas puidemos distinguir os Lagos e moito menos as impresionantes montañas que os rodean do macizo occidental, pero podemos asegurarvos que supuxo toda unha auténtica aventura. O día seguinte fixemos a coñecida Ruta do Cares, Poncebos-Caín-Poncebos. Comezamos as 10.00 h. e regresamos as 18.00 h. Un percorrido fácil pero longo, que divide de norte a sur os Picos a través do río Cares. Qué mellor que as propias fotos para describir a beleza da senda. O domingo tocou regresar cunha máis que positiva valoración da experiencia… e a tan so 4 horas de Ferrol. Isto hai que repetilo! Ata pronto e boa ruta scouts!
Podedes ver máis fotos na páxina do Grupo: www.vascodaponte.org