MIL NOVECENTOS SETE. Crónica rover en Browsea (Clan Rover Tulumanya – GS Chan 292)

“MIL NOVECENTOS SETE” é o nome da empresa que cinco rovers do Clan Tulumanya (GS Chan 292 de Santiago de Compostela) realizamos do 1 ao 8 de agosto. Tal empresa, tiña como obxectivo principal acampar na illa de Brownsea na Grande Bretaña. Pero isto non empezou aquí…

En febreiro comezou o traballo. Madrugóns todos os domingos para repartir croissants, listas, problemas que ían xurdindo e tíñamos que ir solucionando como podíamos. En verdade, en maio non tíñamos nada claro que puidéramos conseguir todo o diñeiro para ir á illa, así que fixemos unha reunión na que pedimos compromiso. Varios rovers do Clan abandonaron a empresa, e só quedamos Val, Iago, Laura, Elena e eu. A partir de aí, empezamos a organizar cousas novas. Fixemos unha cea e dous concertos nos que tocaron amigos de aquí, de Santiago. Ata veu tocar Adóbriga, un grupo dun scout do GS Vasco da Ponte 636 de Ferrol.

A partir de aí, aínda que íamos moi xustos, empezamos a dalo todo. As últimas semanas antes do campamento foron de suor e moito esforzo, pero a sorte xa estaba botada.

O 31 de xullo, sorprendeunos cun día caloroso e sete billetes para Londres. Colgámonos as nosas mochilas ao ombreiro e dirixímonos a Brownsea’s Island. Despois de máis de 24 horas de viaxe nas que pasamos por moitos lugares, chegamos a Poole Quay, unha aldeíña do sur de Inglaterra, en cuxo peirao estaba un amigo noso, que coñeciamos de toda a vida. Naturalmente, era Baden Powell, e ollaba directamente á Illa de Brownsea, que se podía ver se seguías a súa mirada pétrea.

Despois de sacarnos unha foto con el, montámonos no ferry máis extravagante que vimos en toda a nosa vida (amarelo intenso, con esquíos vermellos pintados en todo o barco) e aos 20 minutos, os sete chegamos á Illa de Brownsea.  Moita xente lévanos preguntando todos estes días: e como é?

Eu non sei moi ben como describila. Desde o momento que a pisamos, púxosenos a todos un sorriso de orella a orella. Iamos internándonos nela e non nolo podiamos crer. Era un paraxe idílico no cal todo chamaba a atención por igual. Unha cousa tan insignificante como o céspede era impresionante. Tombarse nel era como estar nun colchón, e non crecía máis que un centímetro do chan, pero era o céspede máis cómodo no que nos puidemos tombar en toda a nosa vida.

As campas eran longas extensións nas cales só había unha árbore no medio, que daba sombra para 100 persoas. A illa estaba infestada de pavos reais (aos cales chamábanlles Peacocks) de mini-peacocks, de esquíos vermellos (os animais máis monos que vin na miña vida), de cervos que pasaban á nosa beira coma se nada e dunha explosión de fauna e flora impresionante.

A todo este panorama, hai que sumar as emocións. A satisfacción de conseguir todo o diñeiro para chegar, a alegría de estar alí despois de tanto tempo viaxando, o orgullo de ser o primeiro Grupo Scout de ASDE – Scouts de Galicia e o sexto de ASDE – Scouts de España que pisou a illa, a mestura de sentimentos que che producía o estar na illa onde empezou todo e nas mesmas datas onde foi o primeiro campamento scout 105 anos atrás.

Iso todo foi o primeiro día. Un día infestado de emocións e de turisteo. Os días seguintes fomos seguindo unha programación que fixemos ao chegar. Realizamos unhas actividades que nos ofreceu a illa de Brownsea (un programa de BP no que coñecemos a súa vida e construímos un campamento volante en 40 minutos), unha actividade de servizo que se chamaba Get Stuck In (consistía en retirar os rododendros da illa, que son velenosos para os esquíos vermellos, unha especie en perigo de extinción), e un circuíto de cordas chamado Low Ropes. Dous días antes de irnos, ata chegounos o diñeiro para ir visitar Poole, o lugar onde se creou o primeiro Grupo Scout da historia, e ata celebramos a empresa pegándonos unha enchenta de pizzas nun italiano.

O último día levantámonos pronto. Moito antes que os ingleses, incluso. Ás 6 da mañá, vestímonos de uniforme e dirixímonos á roca conmemorativa da Illa, desde onde se ve perfectamente o sitio do primeiro campamento. Colocámonos en ferradura, coa pedra pechándoa coma se fose o Kraal nunha cerimonia normal. Jesús e Gaby, os nosos scouters, empezaron a falar do que significaba para eles estar na Illa. Foi un momento no que todos choramos un pouquiño, interior ou exteriormente. Logo, eu lin un fragmento do “Roverismo cara ao éxito”, no que Lord Baden Powell of Gilwel despedíase de todos os rovers. Elixín ese texto porque era un adeus á Illa, un adeus á Rolda, e un adeus a 3 persoas de último ano de Clan, que non vivirán nunca máis nada semellante, ou polo menos desde a mesma perspectiva. Logo, cada un de nós, recitou de novo a súa Promesa Scout. Fomos un a un, e cando rematamos, algo novo e estraño vibraba no ambiente. Era máxico.

Plasmar en papel todo o vivido en Brownsea é o máis difícil que escribín na miña vida. Estouno relendo e non vos servirá máis que para facervos unha lixeira idea do que vivimos Jesús, Gaby, Iago, Laura, Val, Elena e eu.

En serio mozos. Moitas grazas.

Xacob Rivas. SERVIR



Deixe un comentario