O director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, recibiu hoxe no seu despacho a unha delegación de ASDE – Scouts de Galicia, composta polo Presidente Scout Xeral, Javier Castro, e o Tesoureiro Scout Xeral, Ignacio Vilar. Sobre a mesa estaba a celebración do centenario do escultismo en Galicia e en España, para a que a Xunta ofrecerá a súa plena colaboración.
Neste senso, a Dirección Xeral de Xuventude apoiará o Campamento Federal de Róvers que trascurrirá polo Camiño de Santiago no vindeiro mes de agosto, reunindo a participantes procedentes de diferentes puntos do territorio español.
A vertente institucional será traballada ampliamente por ASDE – Scouts de Galicia da man da Dirección Xeral de Xuventude. Así, a medida que avance o ano iranse confirmando distintos actos para conmemorar o inicio do escultismo galego.
O director xeral recibiu tamén a memoria da participación da federación no pasado Jamboree celebrado en Suecia, para o que dispuxo da axuda da Xunta de Galicia. Rodeiro valorou a calidade dos programas e a experiencia sen igual que supuxo para os participantes.
ASDE – Scouts de Galicia agradece o esforzo e colaboración demostrada en todo momento polo director xeral, fundamental para o desenvolvemento dos nosos programas e accións, especialmente neste ano do centenario.