ASDE – Scouts de Galicia erradicará a especie invasora Acacia Negra das Illas Cíes

Dous centenares de scouts  pertencentes á asociación ASDE-Scouts de Galicia desembarcarán o sábado 29 de outubro nas Illas Cíes co obxectivo de realizar un proxecto de protección da diversidade biolóxica do Parque Nacional das Illas Atlánticas. O obxecto da acción consiste en eliminar unha das especies invasoras que ameazan con colonizar o espazo natural galego.

Trátase da acacia negra, unha especie nativa do sureste de Australia e Tasmania, coñecida tamén co nome de “Madeira negra de Tasmania”. Esta especie crece con rapidez e presenta unha ampla tolerancia a diferentes condicións climáticas.

A acacia negra produce unha gran cantidade de sementes viables que atraen aos paxaros para a súa dispersión e que logran persistir no chan durante moitos anos. A planta presenta un comportamento invasor manifesto, sendo unha especie moi perigosa para os ecosistemas naturais e seminaturales. Un dos seus efectos máis perniciosos son as súas propiedades alelopáticas: a acacia negra presenta metabolitos secundarios altamente nocivos, suprimindo significativamente o índice de germinación outras especies nativas.

O Parque Natural acomete con frecuencia labores de talla e tratamento da especia no arquipélago de Cíes. Debido ao persistente banco de sementes que permanece no chan, resulta necesario seguir mantendo labores de control nas zonas onde se eliminou para evitar novos rebrotes da especie.

Nesta tarefa colaborarán o sábado os 200 scouts co apoio do persoal técnico do Parque. O proxecto de erradicación emprenderase na illa de Monteaguado (ou do Norte), na contorna de Figueiras.

Os scouts, procedentes de Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, chegarán ás illas entornoa ás 11.00 horas, e realizarán a acción de servizo ambiental até as 18.00 horas. Provistos de luvas, formarán grupos dunhas 40 persoas que se distribuirán as áreas de actuación para eliminar a especie.

O proxecto conta coa colaboración da Xunta de Galicia, que os financia a través da Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude.

Programación ambiental

“Queremos ser útiles á sociedade e desde logo pór o noso granito de area na mellora do medio”. O coordinador de Programas Educativos de ASDE-Scouts de Galicia, Prisco Marcos, explica que a actividade se inclúe no marco da programación ambiental da entidade, que contempla tanto accións de sensibilización como de actuación directa, como é este caso.

Marcos reivindica o necesario papel do voluntario como axente activo da sociedade. “Existen innumerables campos onde actuar, desde o ambiental ao sanitario ou ao social, e só actuando podemos mellorar o noso mundo”, sinala, á vez que lembra o relevante rol que os voluntarios veñen desempeñando en Galicia nos últimos anos.

Esta conciencia de participación cidadá é a que demostran os scouts xa desde pequenos. ASDE-Scouts de Galicia emprendeu hai un ano unha limpeza outonal das praias e na primaveira unha marcha ciclista para promover o transporte ecolóxico. “Tratamos de realizar programas necesarios, que chamen a atención da sociedade e á vez que sirvan para educar aos nenos”, precisa.