Máis de 150 scouts de toda España recorren o Camiño de Santiago para conmemorar o centenario

Camiño de Santiago dos róvers

Os  scouts galegos e españois están en 2012 de celebración. Para conmemorar este centenario non podía faltar o Camiño de Santiago, ruta pola que peregrinaron miles de scouts desde a súa creación. ASDE – Scouts de España, entidade que promove o escultismo plural no país, leva a cabo o seu campamento rover (etapa educativa que comprende aos mozos de 17 a 21 anos) no Camiño do Norte, desde Cantabria ata Compostela.

Máis de 150 scouts procedentes das diferentes comunidades autónomas están a recorrer desde o pasado sábado 4 o Camiño. Tras seren recibidos polo Parlamento de Cantabria e percorrer varias etapas nesa rexión, hoxe trasládanse a Galicia para inicia a ruta en territorio galego.

O mércores 8, camiñarán desde Ribadeo ata Lourenzá, onde farán noite. O xoves 9, chegarán a Abadín e desde aí, o venres 10, a Vilalba. O sábado desprazaranse en bus ao Monte do Gozo para facer o último tramo e chegar á praza do Obradoiro, onde terá lugar unha recepción oficial por parte do Concello de Santiago, ás 13.00 horas.

Pero como todas as actividades que desenvolven ASDE – Scouts de España e ASDE – Scouts de Galicia, federación que traballa a nivel galego o esucultimo plural, inclúese unha compoñente educativa. No caso deste campamento rover, os rapaces levan a cabo accións que traballan a cooperación para o desenvolvemento a igualdade de xénero, a tolerancia e a interculturalidade.

“Para o traballo destes valores non hai mellor entorno e ambiente que o do Camiño de Santiago”, apunta Prisco Marcos, coordinador de Programas Educativos de ASDE – Scouts de Galicia, que explica que a peregrinación propicia actitudes de “esforzo, compañerismo e superación persoal” que non se atopan noutro sitio.

Unidas a estas actividades baseadas na cooperación, coa realización do Camiño búscase un clima de contacto e intercambio de experiencias sen igual para un grupo de 150 mozos procedentes de diferentes puntos da xeografía galega e española. “Calquera que peregrinara a Santiago sabe da unión e a amistade que se logra no Camiño e isto non podía faltar na celebración do noso centenario”, afirma Marcos.

Recuperación do Camiño Inglés en Santiago

Se por algo se caracteriza a etapa educativa rover, que no escultismo comprende entre os 17 e os 21 anos, é polo espírito de servizo que se procura. “Os scouts queremos ser útiles á sociedade e facer palpable o noso lema de que queremos crear un mundo mellor”, sinala Marcos.

Este Camiño de Santiago de conmemoración do centenario non ía ser menos. Os 150 participantes recuperarán e acondicionarán o último tramo do Camiño Inglés na súa chegada a Santiago de Compostela.

Será o domingo, 12 de agosto, en colaboración co servizo de Protección Civil de Santiago. O Concello aportará as ferramentas para realizar a limpeza e pon a disposición de ASDE – Scouts de Galicia un pavillón para a estancia dos mozos na cidade.

Recepción no Parlamento cántabro (vía scout.es)



Un comentario a “Máis de 150 scouts de toda España recorren o Camiño de Santiago para conmemorar o centenario”

  1. Fixemos algo histórico xunto cos nosos irmáns de ASDE-Scouts de Cantabria. Foi un placer levar adiante este ilusionante proxecto con tan bó equipo de traballo.

Deixe un comentario