“É impresionante o que aprendes dos demais e de ti mesma nos scouts”

Valle, primeira pola esquerda, no pasado Festival Scout de ASDE

Valle Marcos García-Conde (Oviedo, 1992) forma parte do clan do Grupo Scout Chan 292 de Santiago de Compostela. No verán do ano 2000 descobre o escultismo como castora. En outubro dese ano entra na manada e pasa por tódalas seccións ata a actualidade.

– Que fai un rover en ASDE – Scouts de Galicia?
Fórmase como unha persoa útil para a sociedade, aprende a valerse por si mesmo convivindo ademais con outros rovers, participa en diversas actividades e vivencias que non experimentaría unha persoa que non coñece nin participa neste movemento.

– Notas cambios relevantes respecto ás seccións previas?
Noto moitos cambios. Quizais o clan é a rama na que máis aprendín, e das que mellor o pasei. Aprendín a valerme por min mesma e a non agardar a que se movan os demais para actuar eu. Paseino ben cos meus amigos e compañeiros, fun a dúas rutas rovers e participei, con máis grupos, no proxecto “Un puente por la paz”, organizado por un grupo de Zaragoza, cos que finalmente acudimos a Bosnia a coñecer outros grupos scouts, e rematar alí ese proxecto. Supereime a nivel persoal en moitos aspectos, e iso enriqueceume moito.

– Cales son as actividades que máis che gustan do teu Clan e dou teu Grupo?
Do clan gústanme as empresas que nos plantexamos ao longo deste tempo, como sufrimos e rimos traballando e aprendendo a conseguir superarnos a nivel de grupo. Gústame a convivencia, xa que é diferente doutras ramas, a realización das actividades …  Do grupo gústanme as acampadas conxuntas coma o campamento de verán, é como un pequeno pobo no que cada un ten unhas responsabilidades, e no que todos participamos en todo, dende os máis pequenos ata os maiores.

– Estás nunha idade de importantes cambios persoais. Os scouts seguen sendo importantes para ti?
Os scouts encamiñan ese cambio, forman parte deles. O pertencer a un movemento coma este incúlcame unha visión da vida e do mundo que ao mellor non tiña agora de non ter vivido as experiencias que ao longo destes anos vivín, cos meus amigos.

– Como entraches no movemento scout?
Entrei como castora, das primeiras do meu grupo, cando tiña sete anos, pero xa coñecía o grupo e as súas actividades e acudía sempre que podía cos meus pais, xa que teño tres irmáns maiores que xa estaban no grupo. Tiña moitas ganas de chegar a aquel campamento no que as castoras participabamos só catro días,  porque sempre, cando chegaban dalgunha acampada ou actividade contando historias ou anécdotas, e iso dábame moita envexa.

– Con que momento emotivo da túa traxectoria scout te quedas?
Cos momentos antes de subir ao avión que conducía á esculta do Chan a Suíza, as ganas e os nervios que tiñamos todos, despois de tanto traballo por fin estabamos alí!

– E algunha anécdota que se poda contar…
Anécdotas moitas, moitísimas, pero contábeis… O verán pasado, no campamento de verán,  o xogo límite do clan consistíu en disfrazarnos de astronautas (co mono, cun casco unha bombona de osíxeno,…) e acudir a un punto que marcaban os scouter, facendo polo camiño algún servizo e conseguindo un obxecto. A min derónme o obxecto con cara de marcha xa! Os pobos da zona quedaron alucinados con nós!

– Que lle dirías a un amigo que che pide consello sobre apuntarse aos scouts?
Que non o pense máis, é unha oportunidade única e unha experiencia incrible. É impresionante o que aprendes da xente, e de ti mesma, da convivencia, do traballo.

 TEST RÁPIDO PERSOAL

Unha película: “Braveheart”
Un libro: “Martes con mi viejo profesor”
Unha canción: Ama ama y ensancha el alma
Un lugar para perderse: a praia
Unha comida: o chocolate
Unha danza scout: o tallarín
Un xogo scout: impacto chocante
Un personaxe do Libro da Selva: Baloo
O mellor dun campamento: o ambiente
Un desexo neste 100 aniversario: que cumpra moitos máis



Deixe un comentario