Que rápido pasa o tempo nos scouts!

Hai 13 anos fun ao meu primeiro campamento. Non tiña moi claro que ía facer pero sabía que meu irmán estaba moi contento sendo scout así que supuxen que a min tamén me gustaría.
No bus cara as Fragas do Eume coñecín a Marina e Xela, que tamén ían ao seu primeiro campamento. Foi así como comecei a miña etapa scout, sendo unha lobata de 7 anos e medio un pouco nerviosa pola nova aventura pero con moitas ganas de pasalo ben.

Hai unha semana fun ao meu primeiro campamento como scouter, na mesma rama na que comecei como educanda: a Manda. Convertida agora en Baloo, volvín atoparme no bus un pouco nerviosa pola nova aventura pero con moitas ganas de marchar de campamento. Como daquela, na mesma sección que Marina e Xela.

 

No campamento de verán chorei moito. Non porque non quixese comezar a miña etapa como scouter senón porque non quería rematar a miña etapa como educanda. Sempre é difícil pechar portas, e sobre todo se non te ves moi preparada para abrir unha nova. Non me vía sendo a que lles ten que dicir ás lobatas e lobatos que lembren metelo todo na mochila cando eu mesma perdo as miñas cousas frecuentemente nos campamentos. Pero todas esas dúbidas desapareceron cando me atopei con esa manda diante: aprendín facendo. Un dos maiores exemplos de educación pola acción que vivín recentemente.

Neste primeiro campamento como scouter dinme de conta de que por moito que teñas lido o programa educativo da túa sección, cando escoites “Baloo, ¿puedo dejar? No me gusta la cena” vas ter que sacar unha solución da manga. Que cando a unha das túas nenas non lle abroche a cremalleira do saco ou non lle caiban as cousas na mochila, vas ter que empregar todas as túas habilidades manuais para solucionar o problema. Que aínda que ti non recordes onde deixaches o chubasqueiro, vas ter que lembrarlles a elas e eles que teñen que poñelo antes de marchar.

É moi bonito comezar a túa etapa como scouter onde a comezaches como educanda, pechando o círculo, pero sobre todo é bonito darte de conta de que todo o que aprendiches dende a Manda ata o Clan foi só unha parte de todo o que ten preparado para ti o movemento scout.



Deixe un comentario