O 7 de xuño a Tropa Scout (11-14 anos) do Grupo Scout Chan 292 de Santiago de Compostela foi a prestar un servizo en representación de ASDE – Scouts de Galicia, traballando no monte de Os Vellos (Coirós).
Tres voluntarios de Fragas do Mandeo acompañaron aos nosos Scouts que se desprazaron para coñecer in situ a actuación de rehabilitación ambiental, e relatan así a nosa colaboración:
“Tras explicarlles como eliminamos os eucaliptos, reforestamos con castiñeiros de froita micorrizados e creamos refuxios de fauna, puxéronse mans á obra. Cortaron tódolos toxos que quedaban nunha esquina do monte e tamén repararon o vello murete que arrodea a parcela, pois estes muros de pedra seca son moi beneficiosos como refuxios para os lagartos e outra fauna de pequeno tamaño. Por último, repasáronse cepos de eucalipto e arrincáronse de raíz couces de toxo que aínda non secaran. Agradecémoslles a súa axuda, esperando que lembren esta experiencia con satisfacción e que no futuro atopen ocasións de volver a facer voluntariado ambiental nas fragas do río Mandeo. A natureza precisa de todos nós!