ASDE – Scouts de Galicia mellorará un roteiro e plantará árbores no entorno do LIC Abegondo – Cecebre

Pegada do Centenario

Os scouts galegos están en 2012 de celebración por todo o alto. ASDE – Scouts de Galicia, entidade que desenvolve o escultismo plural da comunidade, cumpre os seus primeiros 100 anos de vida, ao igual que Scouts de España, e por iso está a executar un programa de actividades especiais co que conmemorar esta data.

Dado que a educación ambiental, tanto a nivel de concienciación como de intervención directa, constitúe un dos piares básicos do movemento scout, unha das actividades coas que celebrar o centenario dedicarase a simbolizar a mellora do mundo que se busca. A chamada “Pegada do Centenario” realizarase este sábado, 2 de xuño, ao longo da xeografía española. Trataranse de proxectos que queren deixar a pegada, a marca, do paso dos scouts polo mundo.

No caso de Galicia, ASDE – Scouts de Galicia desenvolverá o programa no entorno natural do LIC do encoro Abegondo – Cecebre, un espazo con paraxes moi ricas que cómpre coidar para mantelo de forma axeitada e evitar os lumes forestais. Desde as 11.30 horas deste sábado 2, máis de 200 scouts, de 7 a 19 anos de idade, procedentes de grupos de Ferrol, Santiago e A Coruña traballarán na mellora de diferentes puntos deste entorno.

A ruta PRG 97 discorre xunto ao río Gobia até o encoro de Abegondo – Cecebre. Co paso dos anos, a sinalización foise perdendo. Os scouts, provistos de botes de pintura branca e amarela, recorrerán o roteiro desde Cabanas até o pantano mellorando as marcas, engadindo novas e arranxando os carteis deteriorados.

Noutros puntos da ruta será necesario agarrar fouciños para limpar a maleza que foi invadindo o sendeiro. Aquí cabe resaltar especialmente a recuperación da área recreativa de Cabanas. Trátase dun pequeno espazo pero de enorme beleza que hoxe está impracticable pola crecida da herba. As mesas de madeira, os paneis interpretativos e mesmo un muíño permanecen xa ocultos. Os scouts traballarán para que a área recreativa volva a emerxer en Cabanas e devolvela para o uso veciñal o dos camiñantes que recorren o roteiro.

Os scouts máis pequenos desenvolverán a súa acción en Beldoña, xa máis cerca do encoro. A construción dunha depuradora por parte do Concello de Abegondo xerou unha parcela municipal ao seu carón, onde se levará a cabo unha plantación de árbores, uns 40 exemplares de carballos e castiñeiros autóctonos.

“A partires da construción dunha infraestrutura necesaria para o home contribuiremos a xerar un espazo natural acorde coa contorna”, explica Prisco Marcos, coordinador de Programas de ASDE – Scouts de Galicia. O responsable sinala que os rapaces “sentirán como a súa acción serve claramente para transformar o mundo, que é precisamente o noso ideal”.

O coordinador apunta que o xerme da actividade xurdiu a raíz do devastador incendio nas Fragas do Eume. “Puxémonos en contacto coa dirección do parque, que explicounos que a colaboración na súa recuperación ten que esperar. Entón decidimos realizar un programa para contribuír na prevención dos lumes”, indica. De feito, antes da plantación, os pequenos escoitará consellos de boca das brigadas forestais.

Marcos confesa que as accións que levarán a cabo os scouts o sábado “son as que máis nos gustan porque supoñen un servizo para a sociedade”. “Cando o sábado pola tarde comparemos a foto do antes coa foto do despois da nosa actividade veremos que deixamos unha pegada ben visible”, afirma.

A actividade do sábado está enmarcada no programa Iniciativa Xove, financiada pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia. Para levala cabo, a federación conta coa colaboración do Concello de Abegondo.



Deixe un comentario