O centenario dos scouts en Galicia e en España comezou por todo o alto. Ben o saben os veciños da Coruña, Ferrol e Santiago que camiñaban o sábado 21 de xaneiro polo centro das cidades, cando se veron sorprendidos polas flashmobs que desenvolvían os scouts galegos para celebrar os seus primeiros 100 anos de vida.
A flashmob aconteceu de forma simultánea nas tres cidades galegas, culiminándose cun mosaico coa palabra Scout nas principais prazas. Ao mesmo tempo, ao longo do territorio español, as distintas organizacións federadas a ASDE celebraban tamén o inicio dos actos do centenario.
Os pequenos non estiveron solos. Moitos pais e antigos membros participaron na flashmob, dado que o aniversario ben merecía a pena.
Na Coruña, os Grupos Scouts San Jorge e Semente recuperaron o coñecido baile da “Macarena” para animar o centro da cidade. Desde o Obelisco, pola rúa Real, ata a praza de María Pita, a gran masa azul de scouts foi incrementándose pouco a pouco nas rúas transversais.
Nesta celebración dos 100 anos, non se esqueceron da súa natureza educativa e realizaron na propia flashmob unha boa práctica de civismo. Á par que soa a música foron recollendo o lixo que atopen na rúa e depositándoo nun cubo co lema “100 anos deixando o mundo mellor”, unha das máximas do escultismo. A actividade finalizou con xogos e obradoiros en María Pita.
Como no caso da Coruña, os scouts dos Grupos Scouts 19 e Vasco da Ponte de Ferrol avanzaron ao ritmo da música e recollendo lixo á vez. O traxecto da flashmob foi desde a praza de Amboaxe ata a praza de Armas. No traxecto soaron varias cancións, pero na parte final, con todos os rapaces xuntos, triunfou o ritmo de “Follow the leader”. Para concluir: xogos con paracaídas, e con balón, na praza de Armas, e lectura do manifiesto.
Finalmente, en Santiago a flashmob discorreu desde a rúa do Hórreo ata a praza Roxa. Neste caso, os scouts santiagueses do Grupo Scout Chan sorprenderon aos veciños cun repertorio de danzas típicas dos campamentos. Na praza Roxa soou a tradicional “Conga”.
Unha pancarta rezou “100 anos deixando o mundo mellor”, ao tempo que se leu o manifesto e unhas grandes velas simbolizaron o centenario do escultismo español e galego.