ASDE – Scouts de Galicia amosa o seu pesar polo tráxico suceso ocorrido na praia do Orzán

ASDE – Scouts de Galicia quere transmitir o seu máximo apoio e solidariedade coas familias e persoas achegadas das vítimas do tráxico suceso acontecido o pasado venres na praia do Orzán, na cidade da Coruña. A federación amosa o seu profundo pesar polo falecemento dun policía e a desaparición doutros dous e dun estudante pola acción da forte oleaxe rexistrada na praia.

ASDE – Scouts de Galicia quere recoñecer o traballo heroico realizado polos tres axentes que terminaron arrastrados polo mar cando trataban de salvar vidas. Asemade , e como se pode ler nos medios de comunicación, a federación aplaude os esforzos altruístas desenvolvidos por persoas anónimas que trataron de colaborar no rescate arriscando as súas propias vidas.

Son máis de 200 os socios coruñeses de ASDE – Scouts de Galicia que, no conxunto dos seus Grupos Scouts, realiza a cotío actividades no entorno da enseada da cidade.

Moito ánimo para todas as familias afectadas.