ASDE Scouts de Galicia, nova entidade membro da PGV
A Asemblea Xeral da Plataforma Galega de Voluntariado aprobou o 28 de setembro de 2026 a incorporación da Federación ASDE Scouts de Galicia como entidade membro de pleno dereito.
No día de hoxe, a Federación ASDE – Scouts de Galicia – Exploradores de Galicia da un novo paso no seu compromiso co voluntariado. Na última reunión da Asemblea Xeral da Plataforma Galega de Voluntariado (PGV), esta plataforma aprobou a nosa incorporación como entidade membro de pleno dereito. Recibimos a decisión con agradecemento e con moita ilusión.
O acordo culmina un proceso que comezou o 7 de xuño de 2026, cando a Asemblea Scout Galega acordou de maneira unánime solicitar a adhesión á PGV. Isto pon en valor a importancia que ten para o scoutismo de Galicia apostar polo voluntariado como un piar fundamental do método educativo scout.
Facer rede na Plataforma Galega de Voluntariado
A Plataforma Galega de Voluntariado reúne entidades que comparten principios fundamentais arredor da solidariedade e da transformación social. Para unha federación coma a nosa, cuxo labor descansa de cheo no compromiso desinteresado das persoas voluntarias, formar parte deste espazo é un paso natural. A acción voluntaria non se concibe en solitario, senón que medra cando sumamos experiencias, aprendemos conxuntamente e defendemos cunha soa voz o seu valor na sociedade galega.
Con esa mesma vocación de traballo en rede, queremos celebrar a incorporación nesta última asemblea de ADEGA, a Asociación AUXILIA, a Sociedade de San Vicente de Paúl e a Asociación Diversidades Acolle. Así mesmo, facemos unha mención moi especial a Scouts de Galicia – Escutismo Católico Galego, con quen nos une unha fonda irmandade e o mesmo espírito scout. A nosa máis sincera noraboa e unha calorosa benvida a todas elas; é unha verdadeira ledicia compartir camiño.
O voluntariado, unha forma de construír comunidade
Detrás de cada actividade scout hai persoas que dedican o seu tempo, o seu esforzo e a súa ilusión. Educan á infancia e xuventude con entrega. É un labor que non sempre se ve, pero que sostén todos os proxectos eduactivos que permiten aos scouts construír un mundo mellor.
Cremos que o voluntariado educa. Ensina a colaborar e a asumir responsabilidades, ensina a mirar cara ás demais persoas. Ademais, lembra que o benestar común depende do compromiso de cada quen. Hoxe a sociedade necesita máis coidado mutuo e máis participación. Por iso, apostar polo voluntariado organizado é apostar pola cohesión social. Facelo en rede multiplica o seu alcance.
A nosa incorporación á PGV é, polo tanto, unha boa noticia para as persoas voluntarias da federación. Tamén o é para á infancia e xuventude que acompañan cada semana. Todas elas dan sentido ao noso traballo. Grazas a elas, este paso ten valor.
Grazas á PGV pola benvida e a todas as persoas voluntarias que fan posible o scoutismo en Galicia.



