III Foro de Scouters 2015

O fin de semana do 26 e 27 de setembro tivo lugar o III Foro de Scouters no Albergue La Merced en Santa Cruz (Oleiros).
Este foro é un espazo de debate e planificación aberto a todos os Scouters (educadores voluntarios) dos Grupos Scouts que conforman a nosa Federación. Nel avalíanse todas as actividades da Rolda (curso scout) pasada, e planifícanse todas as desta Rolda. Tamén é un espazo aberto ao debate sobre o funcionamento da nosa ONGD e onde se acordan as principais accións a levar a cabo no Plan Anual.
Participaron medio centenar de Scouters dos Grupos Scouts Grupo Scout 19 Ferrol Grupo Scout San Jorge 33 Grupo Scout Chan 292 Grupo Scout Semente 597 Grupo Scout Guía Vasco da Ponte 636 / ASDE – Scouts de Galicia Grupo Scout Tesela – Lugo e como convidado o Grupo Scout ILEX.
Na mañá do sábado membros de versiongalega levaron a cabo unha acción formativa sobre LOPD na que se aclararon aspectos sobre a mesma e se deron a coñecer recursos para cumprir as obrigas que teñen as Asociacións.
Antes do xantar, se aproveitou a convocatoria para a realización dun CSX extraordinario no que participaron todos os grupos da Federación e, entre outros temas, se convocou ASX extraordinaria para tratar o ingreso do Grupo Scout Ilex en ASDEGA.
Xa pola tarde, tiveron lugar as cerimonias de investidura de Nudo Gilwell a María García, Carlos Rodríguez e Adrián Pose e de Insignia de Madeira a Ángela Souto e Lucía Vaquero.
A continuación, fixéronse mesas de traballo organizadas por Seccións. Nelas se avaliaron as actividades federativas da pasada Rolda Solar e se expuxeron as realidades dos Grupos e se confeccionou o calendario de actividades federativas para a presente.
A media tarde chegou o momento da actividade lúdica, o Bamball, deporte descoñecido para moitos pero divertido e físico coma poucos.


Pola noite e despois de cear no albergue, coa vixilancia do castelo, as conversas continuaron xa de maneira informal.
O domingo pola mañá fixéronse mesas de traballo organizadas por Áreas e coma nas anteriores, avaliouse o traballo pasado, analizouse a situación actual e se trazou a liña a seguir na presente Rolda.
Para rematar, tivo lugar o plenario do Foro onde se expuxeron as conclusións acadadas e a clausura que marca o comezo do novo curso. Moitas grazas a todos pola vosa participación.
¡FELIZ ROLDA!



Deixe un comentario