Aquelarre 2015

Os días 27, 28, 29 e 30 de marzo en Perbes (Miño) tivo lugar o Akelarre: acampada das escultas de ASDE – Scouts de Galicia, coa participación dos grupos San Jorge 33, Chan 292, Semente 597 e Vasco da Ponte 636.

Nesta ocasión o Akelarre centrouse na temática de emprendemento e adquisición das técnicas ou recursos laborais básicos para axudar no futuro laboral de cada un dos escultas. Para esta empresa, os escultas recen diplomados pola Universidade do Escultismo, empadroaríanse nunha nova cidade que duraría o tempo do campamento e coñecida como Gallaecia. A partir deste momento, os novos cidadáns deberían ir construíndo e dando forma a dita cidade aproveitando os cursos, oposicións, ofertas ou oportunidades de emprendemento ofertadas polo concello de Gallaecia (scouters), convivir, favorecer a interelación entre habitantes de diferentes gremios e dar cubertas as súas necesidades básicas e outras demandas da administración, e en resumo os rapaces deberían confeccionar o seu ficticio futuro laboral aproveitando os recursos e obradoiros proporcionados polos scouters.

Ademais, en esta ocasión, aproveitouse esta actividade para levar a cabo outra actividade federativa: a acción servizo de escultas coa que deixar a nosa pegada scout por construír un mundo mellor. Este ano orientada ao ámbito medioambiental en colaboración coa entidade Fragas do Mandeo, que organizou unha charla para coñecer o seu traballo e explicar a acción a realizar. Desta forma, o domingo 29 de marzo os escultas abandonaban a cidade de Gallaecia rumbo a praia Grande de Miño onde realizamos accións de erradicación de especies invasoras como uña de gato (Carpobrotus edulis), vinca (Vinca difformis), plumacho (Cortaderia selloana), crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora), margarita africana (Arctotheca calendula), yuca (Yucca gloriosa) ou lirio azul (Iris germanica) no sistema dunar evitando a súa continua colonización e desprazamento da vexetación autóctona mediante equipos de traballo en colaboración con técnicos do concello de Miño e outros voluntarios que de forma manual arrincamos varias manchas das especies invasoras. Posteriormente levamos a cabo unha limpeza do lixo da praia e as dunas.

En total os case medio centenar de voluntarios acadamos un resultado de 5 tractores de restos vexetais de invasoras, refugallos e leña. Evidentemente non se finalizou con tódalas especies exóticas invasoras pero acadouse un enorme avance na mellora do estado de conservación deste areal situada nas marismas do río Baxoi, dentro da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Ademais esta xornada sirveu para concienciar a todos da enorme importancia de desfacerse ben das especies exóticas invasoras xa que todas as anteriores son plantas usadas en xardinería.

En termos xerais, agardamos que este Akelarre sentara as bases de unidade entre os escultas dos diferentes grupos, e servir para axudar na elaboración do seu futuro xunto ao feito de colaborar pola mellora e conservación dos nosos espazos naturais.

 



Deixe un comentario