Toda a Federación participou no Camporee 2014!

Santiago de Compostela, A Coruña e Ferrol xuntas durante catro días. Sentes iso? Son os nervios previos a un Camporee sen precedentes. É hora de sacar as mochilas de novo, encher as cantimploras e comprobar que as tendas están preparadas para cubrirte das nubes cada noite.

A Galicia Scout vólvese xuntar como cada dous anos no Camporee, especial para as Patrullas (equipos) da Tropa Scout (11-14 anos). Esta vez, no albergue Grande Obra de Atocha, situado en Iñás (A Coruña). Todo listo para que as risas, a convivencia e a amizade convértanse nos elementos primordiais para comezar con bo pé unha Semana Santa máis.

04-2014-1-acampada clanes Chan e Vasco da Ponte

Acudiron todos os Grupos Scouts de ASDE – Scouts de Galicia. De Santiago de Compostela – Chan 292, da Coruña – San Jorge 33, Hércules 283 e Semente 597 e de Ferrol – 19 e Vasco da Ponte 636. Os Scouts chegaron a mesma tarde que comezaban as súas vacacións. Tralo acto de presentación e a cea, comezaron cun xogo de stalking (acecho). Unha boa forma de rematar cansados antes de irse a durmir e prepararse para un novo día.

O sábado 12, como o resto dos seguintes días, iniciouse cun acto comunitario e o almorzo. É necesario un bo estímulo para dar forza aos acampados para un día longo e excitante. Baixo un sol abrasador, os scouts comezaron unha nova actividade para facer deste mundo un lugar mellor: creando comedeiros e casas para paxaros. Un taller que, aínda con déficit de material, conseguiu unir a diferentes Patrullas nun traballo en común.

Xa pola tarde, deu comezo o Gran Xogo. As Patrullas tiveron que pasar por varias probas para conseguir puntos en destreza, forza, espírito de equipo e intelixencia. Unha cadea de roupa, o xogo de Kim (observación), tiro de “xavelina” e algúns retos máis, foron suficientes para demostrar o mellor de cada un.

04-2014-2-acampada clanes Chan e Vasco da Ponte

A noite chegou, e a lúa colocouse en primeira fila para iluminar os acampados nunha nova actividade. Mentres camiñaban polo xardín do albergue para alcanzar o escondedoiro onde se ocultaba un dos Scouters (educador scout), o resto dos Scouters permanecían ao axexo para iluminar coas súas lanternas a todo aquel que non pasase desapercibido. Axilidade, destreza, orientación e traballo en equipo son fundamentais nas aptitudes de todo Scout.

Domingo de Ramos. Unha mañá resplandecente para preparar un Raid (ruta a pe). Pero non era un Raid calquera. En cada punto esperaba unha nova misión para os integrantes dos grupos. Unha carta dedicada para cada un deles: o guía, o fotógrafo, o cazador de lendas… E ademais, era o momento de coñecer de que serviu recoller puntos o día anterior. Os que non chegaron á máxima puntuación requirida tiveron que pasar novos retos durante a pequena ruta.

04-2014-3-acampada clanes Chan e Vasco da Ponte

Algúns máis perdidos que outros, e outros con pequenas roibéns do sol, conseguiron chegar á última tarde de actividades no Camporee. Achegábase o momento dos dous talleres que causaron un maior interese. Por un lado, o de sexualidade, aberto a preguntas e dúbidas dos xa non tan pequenos Scouts, e polo outro, unha aprendizaxe sobre a pobreza infantil, en que os nenos e nenas tiveron que sacar a relucir a súa imaxinación para crear e protagonizar unhas campañas publicitarias sobre o tema.

A reunión da última noite non diminuíu as expectativas, e os acampados representaron proxectos moi creativos e deron pé a mostrar o seu lado máis interpretativo. Do espectáculo publicitario pasaron á música, bailando e cantando despois de horas de intensa convivencia entre todos. Pero chegou a hora de irse a durmir e de gozar das poucas horas que quedaban de Camporee.

04-2014-4-acampada clanes Chan e Vasco da Ponte

Un luns 14 soleado daba paso a unhas caras somnolentas e con poucas ganas de que o campamento rematase. A mañá dedicouse a unha Gymkana (xogo de probas) ecolóxica que conseguiu que todos cantasen, bailasen, adiviñasen adiviñas e fixesen relevos. Pero quizais o máis especial foi a Promesa Scout que realizaron varios dos acampados para converterse en Scouts. Tres membros do Hércules 283 foron os protagonistas dunha cerimonia da que todos os demais Grupos foron testemuñas. Neste acto, os novos Scouts comprométense a seguir uns valores e unha forma de vida tan característica como o Movemento que creou Baden-Powell un século atrás.

04-2014-5-acampada clanes Chan e Vasco da Ponte

Tras xantar baixo o sol, todos máis unidos que nunca, e despois de compartir contactos para seguir a amizade que se forxara estes días de campamento, debían recoller e deixalo todo mellor que como o encontraran. As últimas despedidas, os últimos berros de Patrulla, pero todo cun bo sabor de boca. Seguro que todos os Scouts regresaban de volta ás súas casas pensando xa no campamento de verán que se aveciña.

Camporee 2014, superado!

04-2014-6-acampada clanes Chan e Vasco da Ponte

Grazas a Sandra Rego, do Grupo 19, polos seus textos e fotos.

 

 

 

 



Deixe un comentario a Anónimo