Operación KiloScout

ESX-ActServ2013-KiloScout-DiseñoCarteles-Reducida

Os scouts de ASDE – Scouts de Galicia buscaremos a solidariedade dos veciños da Coruña, Ferrol e Santiago para colaborar cos Bancos de Alimentos o sábado 1 de xuño

Máis de 250 nenos/as e mozos/as impulsarán unha “Operación Kilo” simultánea en centros comerciais e prazas céntricas 

A dramática situación que viven moitos veciños de Galicia por motivo da crise económica impulsa esta acción da federación ASDE – Scouts de Galicia, en colaboración con Banco de Alimentos Rías Altas. Os scouts galegos botarémonos á rúa este sábado 1 de xuño coa intención de procurar a solidariedade cidadá para colaborar coa aportación de alimentos para aquelas persoas que verdadeiramente o necesitan para comer.

ASDE – Scouts de Galicia organiza así a xornada denominada “KiloScout” na que máis de 250 nenos/as e mozos/as da nosa ONGD difundirán esta petición de axuda ante a necesidade de forma simultánea nas cidades da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela.

O programa terá dúas vertentes diferentes. Por un lado, en colaboración con varios hipermercados, organizarase durante todo o sábado unha “Operación Kilo” para achegar alimentos non perecedoiros ao Banco de Alimentos Rías Altas. Terá lugar nos seguintes centros comerciais (desde a apertura ao peche):

  • Ferrol: Supercor
  • A Coruña: Eroski Center de Vioño e Eroski Center de Eirís
  • Santiago de Compostela: Alcampo

Desta parte encargaranse os escultas e os rovers (scouts de 14 a 20 anos de idade). Neses centros, e provistos de petos identificativos, distribuiranse nas entradas para animar aos clientes a que merquen algo de máis para o Banco de Alimentos. Logo, nas caixas, recolleranos e gardaranos para a súa posterior distribución.

Por outra banda, a actividade desenvolverase tamén o sábado 1 nas principais rúas das tres cidades. Neste caso serán os máis pequenos da federación; os castores, lobatos e scouts (de 7 a 14 anos de idade) os que buscarán a sensibilización da cidadanía para lograr unha colaboración co Banco de Alimentos.

Deste xeito, realizarán nas rúas xogos de concienciación e distribuirán folletos explicando a acción solidaria do Banco de Alimentos e as vías de axuda. Asemade, instalarán unha mesa informativa na que os cidadáns poderán aportar alimentos, prolongando así a “Operación Kilo” que á vez ten lugar nos centros comerciais mencionados. Os lugares e horarios por cidades son:

  • A Coruña: Obelisco, de 10.00 a 13.30 horas
  • Ferrol: Praza de Armas, de 10.00 a 14.00 horas
  • Santiago: Praza Roxa, de 17.00 a 20.00 horas

O obxectivo da acción non se limita a recoller quilos de alimentos o sábado, qué xa de por si é moi importante, senón tamén a xerar unha actitude de colaboración máis continuada co Banco de Alimentos.

A cifra de galegos que necesitan comida dos bancos e a escaseza que en moitas ocasións sofren estes animou a ASDE – Scouts de Galicia a programar esta actividade. A situación é moi complicada para moita xente, para persoas ademais moi próximas a calquera de nós, e os scouts queremos ser axentes ao servizo da sociedade.

A actividade do sábado está enmarcada no programa Iniciativa Xove, financiada pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.



Deixe un comentario