Orgullo de ser scout

22 de febreiro; día do Fundador; día do pensamento; día de amosar ao mundo o orgullo de ser scout.

Hoxe recordamos a Baden Powell, no día do seu nacemento. Pero non é unha simple efeméride, recordar ao Fundador do escultismo vai ligado a reflexión, ao orgullo, á ledicia e ao servizo. Cada un de nos como scouts ou como scouters (educadores scout) estamos a cambiar o mundo dende aquí, porque hai máis de 100 anos, un tolo xenial soubo ver nos nenos o verdadeiro futuro do mundo.

Percibiu a educación como o maior dos tesouros dun neno, percibiu que o neno debía ser o artífice e o actor principal da súa propia educación. Medrar en liberdade e responsabilidade, cos ollos e os oídos abertos ao mundo, á natureza, ás persoas. Atopando o seu propio camiño e facéndose dono dos seus logros e os seus fracasos. Aprendendo que o mundo non ten que ser así, que pode cambiarse e que o poder de facelo o ten cada un nas súas mans.

Os nenos, nenas, mozos e mozas que crecen así, serán homes e mulleres libres, comprometidos, coherentes e co servizo aos demais como ideal de vida.



Deixe un comentario a Anónimo