Polo fin da violencia contra a muller

O 25 de novembro é o Día Internacional pola eliminación da Violencia contra a Muller e para os scouts, que somos un movemento que aposta plenamente pola importancia da coeducación, significa un feito moi destacable, polo que foi o protagonista dalgunha das actividades realizadas o pasado fin de semana.

O sábado, na cidade de Ferrol, o Grupo Scout Vasco da Ponte 636, coa colaboración do Grupo Scout 19, organizou unha acción de concienciación na céntrica Praza de Armas baixo o lema : QUÉREME MOITO, QUÉROTE MOITO, QUÉROME MOITO. SEN MEDO, SEN DISCRIMINACIÓN… LIBRE
Instalaron un gran mural no que calquera persoa que o desexase podía escribir unha frase de repulsa contra esta lacra social da violencia de xénero. Por cada frase escrita, os rapaces e rapazas do grupo agasallaron a cada cidadán ou cidadá cunha chapa co lema da campaña, así como unha flor elaborada por eles e elas con papel seda. Esas flores foron colocadas no mural formando as palabras “QUÉROME MOITO”.

Como entidades educativas adicadas e comprometidas coa infancia e a xuventude, os Scouts levamos anos traballando pola igualdade entre homes e mulleres, facilitando espazos de sensibilización sobre a igualdade de dereitos e, en definitiva, promovendo un cambio de actitude, dende a educación, favorable a un modelo de convivencia máis igualitario e equitativo entre ambos sexos, a prol dunha cultura e sociedade máis xusta.
Asimesmo, na Asamblea Scout Xeral celebrada o pasado domingo, gardouse un minuto de silencio en memoria e homenaxe das mulleres asasinadas en casos de violencia de xénero.


Deixe un comentario