17 de novembro; 1912-2012: 100 anos educando en liberdade

En xullo de 1907 na Illa de Brownsea na Grande Bretaña, un home xenial e 20 rapaces empezaron unha aventura que cambiaría a vida de millóns de nenos e nenas, mozos e mozas e voluntarios e voluntarias adultos. O home era Lord Baden Powell of Gilwell (Londres 1857 – Kenya 1941) e a aventura era o embrión da que na actualidade é a maior ONG do mundo con presenza en 161 países e case 30.000.000 de membros.

 – Lord Baden Powell of Gilwell –

– Primeiro campamento na Illa de Brownsea –

O Movemento Scout Mundial como entidade educativa non formal, de educación en valores que busca a autoformación de persoas libres, coherentes, comprometidas e co servizo como actitude vital, chega a España en 1912 da man do Capitán D. Teodoro de Iradier e a do escritor e periodista D. Arturo Cuyás. Constituíndose en 1912, en Vitoria (Álava) o que sería o primeiro Grupo Scout español e a Asociación Nacional de los Exploradores de España (ANEDE).

– Capitán D. Teodoro de Iradier –

– D. Arturo Cuyás –

Hoxe, 17 de novembro de 2012, a ONGD ASDE – Scouts de Galicia – Exploradores de Galicia, celebra o seu primeiro século de existencia. O mesmo día, 17 de novembro de 1912, constituíuse o primeiro Grupo Scout galego. Cen anos despois, seis Grupos Scouts en Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, con cerca de 500 asociados, están a vivir a mesma aventura: a de Construír un Mundo Mellor.

Os nenos e nenas, mozos e mozas e voluntarios e voluntarias adultos de ASDE –  Scouts de Galicia, celebramos a liberdade que para nos supón o escultismo, como espacio de crecemento persoal e amosámonos orgullosos da nosa historia:

  • O período inicial dende 1912 a 1936 cun amplo apoio social e institucional e unha grande expansión,  a nosa asociación de pertenza, a Asociación Nacional de los Exploradores de España (ANEDE), recibe o respaldo e os parabéns dos gobernos e institucións tanto da Monarquía de Alfonso XIII como da II República Española, que ven na institución unha útil ferramenta para a educación das novas xeracións (ata a dictadura de Primo de Rivera respecta a entidade, permitindo o seu normal funcionamento).

– Ángel e Jesús García Trevisani. Exploradores da Tropa de Pontevedra (anos 20) –

  • Un período de incerteza dende 1936 a 1939, durante a Guerra Civil española. Os Grupos Scouts que manteñen a súa actividade durante a contenda, procuran ser útiles nas tarefas de protección e auxilio civil nos territorios de ambos bandos.
  • Un período de clandestinidade e reorganización dende 1940 a 1975. A Dictadura Militar do Xeneral Franco prohibe o escultismo mediante un decreto de suspensión de actividades en 1940. En Galicia, como no resto de España, moitos Grupos Scouts desaparecen, pero son moitas persoas que levan xa no seu espírito o ideario e os valores scouts e, de forma totalmente clandestina ao principio e máis o menos tolerada a partir de finais dos anos 60, traballan para a reorganización e recoñecemento do escultismo na nosa terra pasando momentos duros. Galicia como Zona III da agora denominada Asociación de Scouts de España (ASDE) non perdeu en ningún momento a actividade escultista. Números de rexistro de varios dos nosos Grupos Scouts así o acreditan: 4 – San Jorge de Vigo, 19 – Ferrol de Ferrol, 33 San Jorge da Coruña… os Grupos máis recentes ten rexistros superiores ao 600.

– Clan Rover do Grupo San Jorge 4 de Vigo. Fotografía de Antonio A. Álvarez Duro (anos 60) –

– Scouts do Grupo San Jorge 4 de Vigo. Fotografía de Antonio A. Álvarez Duro (anos 60) –

  • Un período de recoñecemento oficial e de modernización de 1976 a 1990. A Asociación de Scouts de España (ASDE) é legalizada en 1975 e en 1977 é recoñecida como      entidade de utilidade pública. As SSMM os Reis de España aceptan a Presidencia de Honra. Todo isto vese reflectido en Galicia, agora Área III  da Asociación de Scouts de España (ASDE), cun período de asentamento e crecemento. Renóvanse os proxectos e programas educativos, a coeducación implántase de maneira plena e a pluralidade e apertura definen aos nosos Grupos Scouts. A finais dos anos 90 a Asociación de Scouts de España (ASDE) modifica a súa estructura cun modelo federal constituíndo a actual Federación de Asociaciones de Scouts de España – ASDE da que o escultismo plural galego e membro de pleno dereito a través da asociación ASDE – Scouts de Galicia – Exploradores de Galicia constituída xa a mediados dos anos 80 polos nosos Grupos Scouts.

 – Patrulla Búhos, Tropa Scout do Grupo Chan 292 de Santiago de compostela (anos 80) –

– Rovers do Equipo Quercus – Clan Rover Arval de Santiago de Compostela (anos 80) –

  • A actualidade: dende os anos 90 ata hoxe, en ASDE – Scouts de Galicia e nos seus Grupos Scouts estivemos a traballar na actualización dos nosos planeamentos e estructuras (dende 2011 tamén en Galicia temos estructura federal, sendo os nosos Grupos Scouts Asociacións Prestadoras de Servizos a Xuventude) cunha profunda remodelación de todos os postulados pedagóxicos, da participación da infancia e a xuventude, dunha clara orientación á intervención social e a nova imaxe externa… e todo elo sen perder a esencia dos valores e a ilusión con que aquel home xenial e os 20 rapaces, empezaron a aventura en 1907.

– Scouts do Grupo Ashanti 523 de Santiago de Compostela (anos 90) –

–  Unidade Esculta do Grupo Scout Ashanti 523 de Santiago de Compostela (Anos 90) –

– Escultas do Grupo Scout Vasco da Ponte 636 de Ferrol (actualidade) –

– Lobatos do Grupo Scout Chan 292 de Santiago de Compostela (actualidade) –

100 anos despois os Castores (6-8 anos), os Lobatos (8-11 anos), os Scouts (11-14 anos), os Escultas (14-17 anos), os Rovers (17-21 anos) e os Scouters (voluntarios adultos) dos 6 Grupos Scouts que conformamos a federación ASDE – Scouts de Galicia – Exploradores de Galicia en Ferrol (Grupo 19 e Grupo Vasco da Ponte 636), A Coruña (Grupo San Jorge 33, Grupo Hércules 283 e Grupo Semente 597) e Santiago de Compostela (Grupo Chan 292 co Grupo Ashanti 523 integrado no seu seo), recordamos con orgullo o noso pasado e seguimos camiñando cara ao futuro…

– Grupos Scouts da federación ASDE – Scouts de Galicia – Exploradores de Galicia (actualidade) –

 



Deixe un comentario a Anónimo