Experiencia dunha nova scouter (educadora scout) do Grupo Scout Hércules 283 da Coruña.

Dende o Grupo Scout Hércules 283 da Coruña, envíannos este texto escrito por unha das súas scouters máis novas no seu Blog…

 

 

SCOUTS?

Monitores? Educadores? Profesores? Voluntarios?

Estas eran as preguntas que me facía ao coñecer a existencia dos scouts. Por primeira vez, en 20 anos, coñecía o que isto significaba.

Quixen probar e aventurarme en ver cos meus propios ollos de que se trataba aquilo do que ata agora non oíra falar. Primeiramente, asistín a un local completamente transformado en paredes cheas de bonitos debuxos relacionados con “O libro da selva”. Todo o local estaba formado por pequenos recunchos e apartados adicados para determinadas idades, desde nenos/as a mozos/as adolescentes. O meu segundo achegamento foi próximo a este. Fun ao local un sábado pola tarde para observar como se traballa alí dentro, e así decidín ir indo aos poucos, algúns que outros sábados. Neste momento, considérome unha integrante máis no Grupo.

Podería escribir follas e follas falándovos e explicándovos de porqué esa elección, porqué quedarme aí, porqué formar parte diso?

Pois ben, é certo que levo pouco tempo, pero tan só ese período de tempo serviume para darme conta de que quero seguir estando aí, apoiando todo o que os scouts levan consigo. Se tivese que destacar algún día no que me din conta ao 100% de que o meu labor nos scouts non fixera máis que empezar, foi o último día do campamento que realizamos este verán en Narahío, un pequeno pobo preto de Ferrol (A Coruña), xusto á chegada ao mesmo local que vos describía antes. Pero para poder falarvos deste día, teño que retomar moitos máis momentos que puiden experimentar anteriormente.

A causa principal e fundamental pola que formo parte deste Grupo son os nenos, os educandos. Se, é certo, podedes dicir que é algo normal, pois estudo Maxisterio de Educación Infantil pero aínda que non o fixese estou segura de que seguiría sendo a clave esencial de seguir aí. Formas parte dun mundo no que o núcleo central son estes pequenos e non tan pequenos, nos que podes apreciar miles de cambios de comportamento, de actitude e emocionais, a súa progresión. Nós, como scouters, axudamos a que estes mesmos progresen na súa actitude e aptitude, facéndolles entender que poden ser capaces de conseguir o que se propón na vida con autonomía, respecto e tolerancia, como a ensinarlles a ver o mundo a través doutros ollos e non só desde os seus. A pesar de estar escribindo isto, se que non basta con iso para que o entendades, pois é algo que é marabilloso de experimentar e observar coa nosa propia vista. Os educandos vólvense críticos, autónomos e responsables e non só á hora de traballo connosco, senón aspectos que aplican na súa vida diaria.

Unido a isto, hai algo que debo e quero resaltar. A EMOCIÓN, o AGARIMO, o RESPECTO e a SOLIDARIEDADE é algo que se cultiva nos mesmos educandos scouts, achegando millóns de aspectos positivos a todo o Grupo e sobre todo a eles mesmos. Cabe destacar o traballo destas persoas adultas que se encargan de que nenos que carecen de contextos familiares, económicos e sociais como outros, saian adiante e aprendan que o día de mañá poidan valerse por si mesmos achegando moito á nosa sociedade, ofrecéndolles un agarimo e unha axuda especial que eles mesmos agradecen tanto interior como exteriormente. Resulta moi gratificante e satisfactorio contemplar como estes mesmos nenos rinse, vólvense a levantar daquelas fochancas que duramente lles mostrou a vida, que che agradecen indirectamente mediante mostras de agarimo que queren seguir estando aí, que confían en ti para iso. Moitas veces, nas súas caras reflíctese todo isto, alegría, emoción e abrigo moitas ganas de aprender e seguir crecendo con este vínculo que crearon cos scouts. Este campamento de verán, era o meu segundo campamento. Estancia que me permitiu comprobar como isto é así outra vez, como os propios nenos gozaban de cada instante que pasaban en Narahío, do ambiente, as actividades e o Grupo. Agora é cando podo falarvos dese día, do día que acabou este marabilloso campamento e todos os nenos reencontrábanse con aqueles que viñan recollelos. Ao chegar ao local fíxose unha danza na que todos estabamos xuntos e abrazados como dando por terminado o campamento e o ano. Era imposible non emocionarse. Todos choraban de alegría polo vivido e de tristeza por ter que despedirnos ata dentro dun tempo, pero houbo algo do que nunca me poderei esquecer. Os choros, abrazos e agarimos que aqueles mesmos nenos dábannos a todos, aqueles nenos que volvían aos centros de acollida, aqueles que pedían que toda esta marabillosa historia non terminase outra vez, que non querían vacacións senón que isto continuase un pouco máis. Un momento especial. Momento no que che dás conta de que a túa axuda serviu para algo, que che sentes tan ben por dentro que non hai nada que poida pagalo, que che orgulleces de contar cun equipo como o do Grupo Scout Hércules 283, que me fixo aprender o importante que é o voluntariado no mundo e que malgastar o tempo noutras cousas non nos fai humanos como estas, do importante que é axudar tanto aos demais como aos que menos teñen, do moito que este equipo loita por algo que moitas veces parece escaparse hoxe en día: o progreso e a axuda a nenos que o necesitan, para que non caian no esquecemento.

Poida que sexa unha ignorante por non saber antes disto, e por non haberme feito antes voluntaria. Tamén poida que haxa xente que non o entenda e que siga vendo aos scouts como algo ríxido, estrito e militante, pero déixenme dicirlles que se equivocan, que o observen e que o proben, que nós puidemos nacer no lugar deses nenos, que temos que concienciarnos do importante que é dedicarnos a estas cousas, aínda que tan só sexa un pequeno momentiño que poidamos sacar dalgún sitio.

Por iso, finalmente, quérolle dar as grazas ao Grupo Scout Hércules 238, por ese excepcional equipo que cada día déixanse a pel polo progreso destes nenos e mozos, pola acollida tan grande que tiven no grupo, por saber explicarme as cousas, por ensinarme todo este mundo do que eu mesma saco cousas positivas e fortaléceme por dentro, e sobre todo, grazas por confiar en min. Se que isto é tan só o comezo dunha longa viaxe no que quero estar sempre inmersa. Por vós, polos nenos, polo Grupo, GRAZAS HÉRCULES 283.



Deixe un comentario a Anónimo