ASDE – Scouts de Galicia deixa a súa pegada plantando árbores e recuperando espazos públicos

O pasado sábado, 3 de xuño, ASDE – Scouts de Galicia deixou clara a súa implicación colectiva na transformación do mundo que procura o escultismo. Dous centenares de scouts desprazáronse ata o municipio coruñés de Abegondo para celebrar a chamada “Pegada do centenario”, unha actividade promovida a nivel de ASDE – Scouts de España para festexar mediante un servizo os cen anos do escultismo en España e tamén en Galicia.

A federación organizou unha actuación de voluntariado medioambiental na que tomaron parte desde os castores aos róvers e scouters. A acción procurou a mellora de varios espazos públicos, ubicado no entorno do Lugar de Importancia Comunitaria do encoro de Abegondo – Cecebre, un enclave de grande riqueza natural.

Pegada do centenario

Os castores, lobatos e tropeiros máis mozos realizaron unha plantación de árbores nunha finca municipal ubicada en Vizoño. Agora conta con 40 castiñeiros e carballos autóctonos máis.

Mentres, os tropeiros maiores e os escultas percorreron o roteiro do Río Gobia mellorando a súa sinalización e o seu estado de conservación. Trátase dunha ruta oficial que segue a este río e logo enlaza co río Mero até chegar ao encoro.

Finalmente, os róvers traballaron a reo na área recreativa da parroquia de Cabanas, tamén emprazada xunto ao río Gobia. A maleza terminou por facela impracticable, chegando a cubrir mesmo un muiño e o mobiliario urbano alí instalado. Todo cambiou agora tras a intervención scout. Os róvers acondicionárona completamente devolvéndoa para o uso veciñal.

A actividade contou coa financiación da Dirección Xeral de Xuventude a través do programa Iniciativa Xove e coa colaboración do Concello de Abegondo e do Distrito Forestal de Betanzos, que ensinou aos pequenos o uso da motobomba e técnicas de prevención de incendios.

Por iso, o director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, e o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, visitaron o traballo dos róvers en Cabanas. Mesmo se atreveron a probar co fouciño. ASDE – Scouts de Galicia agradece a colaboración institucional, fundamental para a realización deste tipo de grandes actividades.

Prisco Marcos, coordinador de Programas Educativos da federación, valora o esforzo realizado por todos os participantes para “poñer o seu grao de area na mellora do mundo“. O responsable destaca que estas accións, á escala que corresponde segundo a idade, se levan a cabo de forma continuada nos Grupos da federación ao longo do ano.



Deixe un comentario a Anónimo