O Grupo Scout Chan 292 únese á rede de ludotecas de ASDE

O Grupo Scout Chan 292 promoverá unha ludoteca scout no marco da iniciativa que promove ASDE – Scouts de España. Así, ASDE – Scouts de Galicia estará presente na rede de ludotecas scouts que conta este ano con 32, repartidas por todo o territorio español.

A ludoteca do Grupo Scout Chan 292 será un espazo creado para favorecer e facilitar o xogo, principal ferramenta para motivar as novas conductas e motor da creatividade. A través do xogo/xoguete/lectura preténdese proporcionar aos nenos aprendizaxes, e que adquiran coñecementos novos e desenvolvan habilidades, de forma natural e agradable.

Despois dalgúns anos nos que a ludoteca non funcionaba a pleno rendemento, o curso pasado o Grupo Chan comezou a desenvolver e a poñer en marcha actividades. Este ano, o obxectivo é ir un pouco máis alá: retomarase o sistema de préstamos, levaranse a cabo actividades de animación á lectura e proporanse actividades centradas no xogo infantil.

Así é que o Grupo promocionará o espazo da ludoteca como un lugar onde se promova a participación infantil, onde se dean a coñecer os dereitos do neno e onde a lectura e o xogo sexan as líñas principias. O que se quere acadar é un espazo no barrio do que se poidan beneficiar todos os nenos, desenvolvéndose  libremente e dun xeito lúdico.



Deixe un comentario