“Recoñezo que de pequeno non quería entrar nos scouts, pero que alegría ter continuado tantos anos”

Comezamos unha nova sección de entrevistas na páxina web falando co primeiro membro de ASDE – Scouts de Galicia que forma parte do Equipo Scout Federal. Pablo Bello (A Coruña, 1981) ingresou no Grupo Scout Semente 597 en 1991 no que traballou como scouter desde o ano 2000.

En 2004, foi elixido Tesoureiro Scout Xeral, cargo que desenvolveu até 2007, cando se trasladou a Madrid por motivos laborais e foi nomeado Responsable Federal de Implantación de ASDE. En 2009 entra a formar parte do Equipo Scout Federal como Comisionado Internacional, cargo que segue a desempeñar na actualidade. Tamén é o Comisario Internacional da Federación Española de Escultismo, da que anteriormente foi secretario.

En que consiste o teu labor como Comisionado Internacional de ASDE?
O cargo supón exercer a coordinación entre ASDE como Asociación Scout Nacional (ASN) que forma parte dunha Organización Scout Nacional (OSN) cos niveis tanto europeo como mundial. Esto inclúe tanto facilitar, difundir e promocionar as actividades de participación e representación fóra das nosas fronteiras, como a de proporcionar as canles axeitadas para que outros e outras scouts de calquera parte do mundo poidan experimentar esa dimensión internacional do escultismo.

Que pode aportar a dimensión internacional no escultismo?
Sen dúbida,  a existencia dun mundo particularmente globalizado, no que o escultismo atopa o seu lugar sen importar a orixe e condición. Aporta a vivencia dun movemento aberto e dinamizador en calquera lugar onde se desenvolva. É a sinerxia que xorde das realidades locais, rexionais e nacionais… moito maior que o mero efeto aditivo.

Cales son os vindeiros eventos internacionais? Para cando unha actividade deste nivel en España?
De forma constante existen actividades internacionais. Dunha banda están as de representación, que se desenvolven en foros de decisión. Neste grupo temos as Conferencias Rexionais e a Mundial, así como simposios e Foros de Xoves. As outras actividades son as de participación, nas que temos un amplo abano de posibilidades todo o ano, en diferentes países. Merecen especial atención aquelas actividades de alta participación e tradición, como son os Jamborees Mundiais (o próximo en 2015 en Xapón), as Moots Mundiais (a próxima en 2013 en Canadá) ou os RoverWays europeos, no que estamos actualmente inmersos para este verano 2012. Non hai es esquecer tamén as actividades que se poden realizar como voluntarios nos centros scouts (no Kandersteg International Scout Center, KISC) así como as novas formar de participar a través de internet (Jamboree in the Internet, JOTI) ou máis tradicionáis, como a JOTA (Jamboree on the air).
A celebración dunha actividade mundial en España é unha das tarefas que temos pendentes, e no que xa estamos traballando dende a FEE.

Como entraches no movemento scout?
Foron meus pais quen pensaron que era unha boa idea estar nos scouts. No meu caso, e meu grupo scout estaba ligado ao colexio onde estaba, ao que iban os meus amigos. Recoñezo que ao principio non quería ir… pero que alegría ter continuado tantos anos.

Con que momento da túa traxectoria scout te quedas?
Lembro con grande cariño os campamentos de verán no grupo… sobre todo na época na que fun cociñeiro… que ben o pasei!

Este ano ASDE e ASDE – Scouts de Galicia celebran os seus 100 anos. Como ves o momento actual do escultismo?
Que calquera iniciativa perdure 100 anos non é por nada. O centenario de ASDE representa a validez dun movemento en constante cambio e adaptación, que sabe ser útil para a sociedade e as persoas que o forman. Sen dúbida os scouts en España son o movemento xuvenil máis importante, e os números nos avalan. A tendencia actual está perfilando un incremento nos nosos asociados. Seguimos tendo a oferta en educación non formal máis solvente na actualidade.

Que retos nos quedan por afrontar?
Temos pendentes tres tarefas importantísimas. A primeira é a dos nosos voluntarios e voluntarias, no eido no recoñecemento do seu labor fundamental como adultos e adultas que apoian aos nosos educandos. E neste mesmo senso, a promoción para a participación das mulleres nos cargos educativos e directivos. O segundo aspecto sería o do calidade, tanto no que facemos e como o facemos. Por último, poñer en valor a participación dos e das xoves en tódolos campos don noso movemento.

E xa para rematar, que lle dirías a un neno que dubida se apuntarse ou non aos scouts?
Eu lle diría que abrira o agasallo que lle acaban de facer.

TEST RÁPIDO PERSOAL

Unha película: Love Actually.
Un libro: Un millón de vacas, de Manolo Rivas.
Unha canción: calquera de Michael Bublé.
Un lugar para perderse: Madrid.
Unha comida: Arroz negro.
Unha danza scout: O Cowboy Pedro.
Un xogo scout: A cruz de San Andrés.
Un personaxe do Libro da Selva: Kotic.
O mellor dun campamento: o ruido dos paxaros antes de espertar… metido no saco.
Un desexo neste 100 aniversario: seguir construíndo un mundo mellor.



2 comentarios a ““Recoñezo que de pequeno non quería entrar nos scouts, pero que alegría ter continuado tantos anos””

Deixe un comentario