ASDE – Scouts de Galicia inicia a celebración dos seus 100 anos de vida cunha flashmob simultánea na Coruña, Ferrol e Santiago

Os scouts galegos están en 2012 de celebración por todo o alto. ASDE – Scouts de Galicia, entidade que desenvolve o escultismo plural da comunidade, cumpre os seus primeiros 100 anos de vida, ao igual que ASDE – Scouts de España, e ten previsto un completo programa de actos ao longo do ano para conmemorar esta importante data.

As actividades especiais comezarán este mesmo sábado 21 de xaneiro, de forma simultánea nas tres cidades con presenza de grupos scouts (A Coruña, Ferrol e Santiago). Neste evento, os scouts chamarán de seguro a atención dos cidadáns para amosar que en 2012 cumpren, con moito orgullo, cen anos de vida.

Unha flashmob sorprenderá aos viandantes que pasen polo centro das tres cidades o sábado pola mañá. Nun momento dado, os cidadáns comezarán a escoitar música e a ver a pequenos, cun pano no pescozo, bailar sen vergoña na rúa.

ASDE – Scouts de Galicia estima que serán unhas 500 as persoas en total que participen nas tres cidades. Os pequenos non estarán solos. Moitos pais e antigos membros participarán na flashmob, dado que o aniversario ben merece a pena. Asemade, os nenos animarán aos cidadáns para que se unan á festa.

“Queremos empezar os actos do noso centenario en contacto coa sociedade, na que queremos sentirnos como axente activo e participativo”, sinala Javier Castro, presidente de ASDE – Scouts de Galicia. Neste caso, o que pretende a federación scout é “dicirlle aos cidadáns que estamos aí, que levamos 100 anos transformando o noso mundo, e que temos planes de seguir moitos máis”.

Coa realización da flashmob, “os nenos desfrutarán bailando en plena cidade e seguro que vendo a cara de sorpresa de moitos cidadáns”, apunta Castro. O presidente da entidade destaca que en todas as cidades españolas con presenza scout realizarase un acto de forma simultánea, no caso de Galicia decantáronse pola flashmob.

O programa previsto será o seguinte:

A CORUÑA
Os Grupos Scouts  San Jorge e Semente recuperarán o coñecido baile da “Macarena” para animar o centro da cidade. Desde o Obelisco (11.30 horas), pola rúa Real, ata a praza de María Pita (12.00 horas), a gran masa azul de scouts irá incrementándose pouco a pouco nas rúas transversais.

Nesta celebración dos 100 anos, non se esquecerán a súa natureza educativa e realizarán na propia flashmob unha boa práctica de civismo. Á par que soa a música irán recollendo o lixo que atopen na rúa e depositándoo nun cubo co lema “100 anos deixando o mundo mellor”, unha das máximas do escultismo.

Fronte ao palacio municipal formarán a palabra “Scout” xigante coma fin do traxecto. Logo, na praza de María Pita realizarán xogos e obradoiros, aos que invitarán a participar aos nenos que pasen polo entorno. A actividade finalizará coa lectura do manifesto de 100 anos de vida de Scouts de España.

FERROL

Como no caso da Coruña, os scouts dos Grupos Scouts 19 e Vasco da Ponte avanzarán ao ritmo da música e recollendo lixo á vez. O traxecto da flashmob será desde a praza de Amboaxe (11.30 horas) atá a praza de Armas (12.00 horas), onde se formará o mosaico humano coa palabra “Scout”.

No traxecto soarán varias cancións, pero na parte final, con todos os rapaces xuntos, se sorprenderá especialmente ao ritmo de “Follow the leader”. Para concluir: xogos con paracaídas, e con balón, na praza de Armas, abertos ao público, e lectura do manifiesto.

SANTIAGO

A flashmob discorrerá desde a rúa do Hórreo (11.30 horas) ata a praza Roxa (12.00 horas). Nesta caso, os scouts santiagueses do Grupo Scout Chan sorprenderán aos veciños cun repertorio de danzas típicas dos campamentos. Na praza Roxa bailarase a tradicional “Conga”.

Unha pancarta rezará “100 anos deixando o mundo mellor”, ao tempo que se lee o manifesto e se forma o “Scout” humano. Unhas grandes velas simbolizarán o centenario do escultismo español e galego.