Xornadas de educación ambiental

O pasado 26 de novembro celebráronse as III Xornadas para Escultas e Rovers organizadas por ASDE-Scouts de Galicia, coa participación de mozos de entre quince e vinte anos e os seus correspondentes educadores, dos Grupos Scouts 19 e 636-Vasco da Ponte de Ferrol; 33-San Jorge e 597-Semente de A Coruña e 292-Chan de Santiago de Compostela.

Nesta ocasión a temática elixida polos mozos da nosa Federación foi a educación medioambiental e polo tanto puxémonos en contacto cunha das entidades máis importantes de Galicia neste campo, o Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia (CEIDA) que ten a súa sede no fermoso Castelo de Santa Cruz, no municipio coruñés de Oleiros. Deste xeito, medio centenar de persoas (entre rapaces e scouters) desfrutaron dunha completa xornada de actividades baixo a atenta coordenación de persoal técnico do CEIDA. O día foi aproveitado ao máximo. Principiamos cunha visita ó Castelo de Santa Cruz, onde nos explicaron cales son os obxectivos e programas que dende alí desenvolve o CEIDA.


Posteriormente achegámonos ata a Aula do Mar dos faros de Mera. Unha vez alí dividímonos en dous grupos para realizar un pequeño roteiro de sendeirismo pola costa de Dexo – Serantes, un espazo protexido baixo a figura de Monumento Natural.
As fotos falan por sí solas das impresionantes vistas que puidemos contemplar, enriquecidas coas oportunas explicacións medioambientais por parte dos técnicos do CEIDA.

O soleado e despexado día foi a guinda perfecta para desfrutar dun novo punto de encontro para os escultas e rovers dos nosos grupos.

Agora tócalle o Equipo da Área de Programas Educativos comezar a preparar as que serán as IV Xornadas no vindeiro ano 2012.
¡Ata a vindeira andaina!



Deixe un comentario