Encontro de ASDE – Scouts de Galicia co director xeral de Xuventude

Representantes de ASDE-Scouts de Galicia co director xeral de Xuventude

O director xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, recibiu onte a unha representación de ASDE – Scouts de Galicia na sede da Dirección Xeral en Santiago de Compostela.

O Presidente Scout Xeral, Javier Castro, e o director de Programas Educativos, Prisco Marcos, deron conta ao dirixente autonómico das actividades e accións levadas a cabo pola asociación na presente rolda solar. Neste senso, informáronlle, como puntos destacados, do desenvolvemento da I Xornada Outonal de Limpeza de Praias, que tivo lugar o 30 de outubro nos areais de Barrañán (Arteixo) e Ponzos (Ferrol), da campaña navideña de campamentos, e da presenza de ASDE – Scouts de Galicia nas feiras de voluntariado organizadas pola Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo e o Concello da Coruña.

Asemade, os representantes da asociación adiantáronlle a Rodeiro as principais accións a executar no que resta de rolda solar, co obxecto de estudiar unha posible colaboración nas mesmas da Xunta de Galicia. Castro e Marcos avanzaron que o Festival Scout Galego terá lugar na Coruña o 26 e 27 de marzo e que incluirá unhas Olimpiadas e unha carreira de reciclaxe ademais do certame musical. Como programas novidosos explicaron ao director xeral a intención dos grupos scouts de participar nunha marcha ciclista para concienciar sobre a problemática da contaminación do aire nas cidades e de efectuar unha eliminación de especies invasoras dos cauces fluviais galegos.

Un dos puntos destacados da reunión foi o referido ao Jamboree 2011, que acollerá Suecia o próximo verán. O Presidente Scout Xeral e o director de Programas Educativos propuxeron ao director xeral o establecemento dunha liña de apoio por parte da Xunta. Serán 22 os scouts galegos que se despracen ao país escandinavo. Roideiro mostrouse receptivo a aplicar unha vía de colaboración, que estudiará o seu departamento nos próximos días.

Polo demais, Castro e Marcos apuntaron ao 2012 como ano importante para os scouts españois, porque se conmemorará o centenario de ASDE. Rodeiro animou a ASDE – Scouts de Galicia a acoller actividades desta programación na comunidade galega, para o que contará coa disposición da Xunta.

ASDE – Scouts de Galicia quere agradecer a cordialidade e recibimento amosados polo director xeral e aposta por continuar cunha vía de comunicación continua coa representación da Xuventude no goberno autonómico.